A parroquia da Canicouva emprázase no sudoeste do municipio e linda con Tomeza e Ponte Sampaio.
Cómpre visitar o lugar do Rañadoiro e o seu muro-acueduto coñecido co nome de Pardón; ademais do Outeiro das Forcadas, onde existe un magnífico miradoiro natural desde o que se poden albiscar admirábeis vistas da ría de Vigo e o val de Soutomaior.
De grande tradición lendaria, conta co lugar do Coto das Saleiras, onde descansa a “Rocha dos Franceses” e baixo a que, segundo a testemuña popular, xacen os soldados mortos na Batalla de Ponte Sampaio, que vagarán eternamente polos arredores.
O Camiño Portugués a Santiago de Compostela transcorre nesta parroquia por unha estrada romana que parte de Arcade e chega ata Bértola (nos veciños concellos de Soutomaior e Vilaboa respectivamente). Igualmente, pode ser interesante unha visita á igrexa parroquial de santo Estevo (do século XII) cun sepulcro castrexo escavado en pedra e situado a escasos cen metros do templo. Conta a tradición que este santo, venerado por ser protector contra a rabia, fuxiu da antiga igrexa derrubada; e apareceu despois neste sepulcro antropomorfo, máis coñecido como “A Cama do santo Estevo”, onde a xente se deita para curar a dor de ventre.
A festa patronal celébrase o día 26 de decembro (santo Estevo).