- O festival inicia unha nova etapa extendendo a súa duración e chegando a varios espazos da cidade
- O brasileiro Chico César, a portuguesa Teresa Salgueiro (ex Madredeus), Mercedes Peón ou a Cesaria Evora Orchestra serán parte do programa do evento que pretende achegarse a novos públicos
- As entradas están á venda en Ticketea e na Casa da Luz, a prezos que oscilan entre os 7 e os 20€
A concelleira de Cultura Carme Fouces, presentou a ue será a 14ª edición do Festival Internacional da Lusofonía. Un proxecto xa consolidado que coa axuda do Concello dará un paso máis cun novo modelo con máis días de programación, novos espazos, aberto a máis culturas, xéneros e públicos.
No acto ao que asitiron a directora artística do festival; Jacobo Sutil, director de AGADIC; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Luís Garcia, representante da Câmara Municipal de Évora (Portugal), Carme Fouces destacou a “importancia de que todas as miradas da xente que goza desta música estean orientadas á nosa cidade durante estes catro días de espectáculos e a implicación do Concello para que o evento alcance a dimensión que merece nun momento no que a diversidade lingüística está a ser cuestionada”.
Do mesmo xeito a concelleira valorou positivamente a presenza da Cámara de Évora, que, dentro dos seus actos de candidatura á Capital Europea da Cultura 2027, patrocinará o concerto de clausura da man de Kepa Junquera.
Entre os artistas do cartel deste ano podemos atopar grandes nomes da Lusofonía como a portuguesa Teresa Salgueiro, ex vocalista de Madredeus; o brasileiro Chico César, un dos “fundadores” do festival; a galega Mercedes Peón que presentará aquí o seu quinto disco, ‘Deixaas’; as rapeiras Capicúa e Eva RapDiva desde Portugal, xunto coa galega Wöyza; o rock e o kuduro de Throes & The Shine (Portugal/Angola); a mozambicana Selma Uamusse; a brasileira Bia Ferreira; o proxecto Coladera liderado polo brasileiro Marcos Suzano, un dos mellores percusionistas do mundo; e o caboverdiano Mário Lúcio, músico e poeta, ademais de ex ministro de Cultura de Cabo Verde.
A clausura do festival terá lugar o domingo 14 de outubro, cun espectáculo moi especial no que participarán varios artistas citados e un proxecto moi especial chegado desde Évora (Portugal). Trátase de Ath-Thurdá, promovido polo concello de Évora dentro das accións promocionais para a candidatura de Évora como Cidade Europea da Cultura en 2027 no que participarán artistas como Kepa Junkera, alén doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade, entreoutros.
Nos vindeiros días faranse públicos o resto de artistas e actividades previstas, entre as que se incluirán sesións de cinema, actividades para nenos, talleres para músicos e público xeral, etc.
O novo Cantos na Maré
Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia con outras culturas, outros países e outros continentes, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación. O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza.
Non só haberá novos contidos senón tamén novos espazos para desenvolver actuacións e accións espallados por toda a cidade de Pontevedra, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois CNM tamén pretende ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade.