O Concello de Pontevedra puxo hoxe na rúa o calendario municipal 2026 que este ano está adicado ao deporte, en concreto, ao deporte de base local. Pontevedra é deporte pretende ser un recoñecemento aos clubs formativos e as escolas deportivas onde os máis cativos aprenden “a coidar a saúde, a convivir e a respectar” tal e como recolle o propio calendario.
“Este é o noso modelo: primeiro persoas, despois deportistas. A cidade avanza cando quen practica o fai con ilusión, quen acompaña anima sen presión, e quen guía educa con criterio. Co impulso do Concello e a complicidade do tecido deportivo local, consolidamos unha práctica educativa, saudable, lúdica e de calidade. Así medra unha cidade activa, onde os grandes eventos son a vitrina, pero a verdadeira forza está no día a día de quen adestra, comparte e inspira”, recolle o calendario.
A proposta de 2026 é unha representación da vida diaria das escolas e dos clubs de formación deportiva da cidade, e púidose realizar gazas o apoio da “cidadanía, aos clubs e entidades, á arbitraxe, ao voluntariado, aos centros educativos e aos servizos municipais”.
Como todos os anos, o Concello imprimiu 15.000 exemplares que se poden recoller na oficina de turismo municipal dende hoxe mesmo e até esgotar existencias.