O Concello solicita a cesión de Leandro del Río Carnota e acorda retirar a pasarela peonil da avenida de Compostela

Pontevedra pide á Xunta de Galicia a titularidade do tramo entre Médico Ballina e o mosteiro de Lérez para mellorar a urbanización, reducir a velocidade e mellorar a seguridade viaria

O Concello tamén encargou o proxecto para demoler a estrutura peonil elevada doinicio da avenida de Compostela e substituíla por un paso elevado a nivel de beirarrúa entre Pasarón e A Xunqueira 

A Xunta de Goberno aprobou hoxe enviar á Xunta de Galicia a solicitude para a cesión da estrada Leandro del Río Carnota (PO-223) no tramo comprendido entre a esquina de Médico Ballina e a rotonda do mosteiro de Lérez. Simultaneamente, a tenente de alcalde Eva Vilaverde informou ao remate da reunión do Goberno que tamén está encargada a redacción do proxecto técnico para suprimir a pasarela peonil elevada da avenida de Compostela.

Estas actuacións supoñen o arranque executivo do plan de desenvolvemento e ordenación do sector norte da cidade presentado polo alcalde esta semana. Tal e como explicou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, o goberno municipal decidiu comezar de inmediato por aquelas intervencións concretas que xa se poden executar, adiantando estas medidas fixas mentres continúa a tramitación do macroproxecto urbanístico integral da avenida de Compostela.

Eva Vilaverde expilcou que o tramo de Leandro del Río Carnota discorre por unha contorna urbana na que se sitúan un centro de saúde e paradas de transporte escolar. A transferencia da titularidade desta vía busca solucionar os problemas recorrentes de exceso de velocidade e accidentes rexistrados na zona, permitindo implementar medidas directas de acougo do tráfico e mellora da urbanización, tal e como ten solicitado a veciñanza.

Pola súa banda, a retirada da pasarela peonil situada entre o campo de Pasarón e o complexo da Xunqueira facilitará a conexión peonil a nivel de rúa. O proxecto contempla a construción dun paso de peóns elevado e adaptado á beirarrúa para garantir a continuidade peonil e reforzar o desenvolvemento urbano estratéxico planificado para o norte da cidade.

Compartir publicación: