A transformación da avenida de Compostela inclúe limitar a velocidade a 30 quilómetros por hora e eliminar a pasarela peonil, conectar os barrios de Lérez e o Burgo, permeabilizar Juan Bautista Andrade cara a avenida de Compostela e conseguir espazos para novos equipamentos públicos ligados á Universidade.
O alcalde presentou hoxe, como proxecto de futuro e de ampliación da cidade, a planificación para o desenvolvemento urbano do zona norte de Pontevedra, un dos grandes proxectos nos que xa traballa o goberno local. Esta actuación estratéxica ten como obxectivo estender a trama urbana de xeito coherente e integrar o campus universitario da Xunqueira cos barrios do Burgo e a zona urbana da parroquia de Lérez, estruturándose arredor da avenida de Compostela, recentemente incorporada ao patrimonio municipal, para liberar unha gran bolsa de solo destinada a vivendas e novos equipamentos públicos.
O proxecto abarca o ámbito que se estende desde a ponte de Santiago ata Lérez (subida á Torre), incidindo directamente na avenida de Compostela. O Concello xa encargou os primeiros anteproxectos técnicos para deseñar as alternativas de integración desta vía, que deixará de funcionar como unha estrada de acceso de alta velocidade para converterse nunha rúa integrada na cidade cun límite de velocidade de 30 quilómetros por hora.
Entre as primeiras intervencións confirmadas atópase a retirada da pasarela peonil elevada que cruza a vía. Ademais, búscase abrir novas conexións peonís transversais a nivel de rúa para mellorar a comunicación entre Juan Bautista Andrade, o recinto universitario da Xunqueira e a avenida de Compostela, na zona baixa de Lérez.
Novas vivendas e solo dotacional
O desenvolvemento urbanístico centrarase no solo urbano non consolidado da marxe esquerda da avenida de Compostela. O planeamento prevé a construción de entre 1.000 e 1.300 novas vivendas de promoción privada. Con esta dotación residencial, o Concello busca incrementar a oferta de vivenda no mercado para destensionar os prezos e facilitar o acceso á vivenda.

Por outra parte, a ordenación deste sector facilitará a obtención de solo de cesión gratuíta para equipamentos públicos. Unha parte destes terreos reservarase para unha futura ampliación do campus universitario, que poderá incluír novos espazos docentes ou unha residencia de estudantes. Os responsables da Universidade de Vigo manifestaron a súa conformidade para ir da man co Concello neste proxecto, como xa adiantou o alcalde.
Lores subliñou a transcendencia desta planificación de futuro para a cidade: «Queremos que o campus non sexa un fondo de saco, senón que estea perfectamente integrado na vida da cidade e nos barrios veciños».
Investimentos estruturais e fondos europeos
Este novo plan de desenvolvemento para o sector norte complementa outras actuacións estruturais en marcha en Pontevedra, que actualmente suman investimentos de gran envergadura por un importe próximo aos 33 millóns de euros, aos que se suman os proxectos dos fondos Feder en redacción do EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integral Local) cuxo investimento poderá mobilizar arredor de 20 millóns de euros.