O Concello proxecta a posta en valor e consolidación dos arcos medievais da Ponte do Burgo cun investimento de 236.000 euros 

A intervención na praza de Valentín García Escudero permitirá retirar os puntais actuais, mellorar a visibilidade dos restos e realizar novas escavacións arqueolóxicas no lugar. 

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Alberto Oubiña, presentou hoxe o proxecto de intervención estrutural e arqueolóxica nos achados da cabeceira sur da Ponte do Burgo, situados na praza de Valentín García Escudero. Esta actuación ten como principal obxectivo asegurar a estabilidade dos arcos número 14 e 15 e poñer en valor este enclave.

A principal patoloxía que presentan os restos é a inestabilidade dos dous arcos e a forte erosión dos morteiros, agravada pola humidade e a proximidade da auga salgada da ría. A actuación contempla a retirada dos actuais puntais que ensombrecen o espazo para substituílos por novas doelas de granito, permitindo que os arcos funcionen por si mesmos. As novas pezas instaladas distinguiranse das orixinais para que a cidadanía poida comprender que partes foron reparadas. Ademais, empregaranse morteiros transpirables e compatibles co granito histórico para protexer os materiais orixinais.

A execución da obra, que combinará enxeñería civil e arqueoloxía, levarase a cabo cunha enorme precaución. Instalarase un guindastre de 24 metros, procederase a unha limpeza manual exhaustiva e a unha nova escavación por fases “porque non desbotamos que poidamos atopar novos achados arqueolóxicos”, explicou Oubiña, que confirmou que non se ampliará a área de escavación.

Para conseguir difundir a importancia histórica da área arqueolóxica, o proxecto inclúe a eliminación do actual peche de malla, substituíndoo por unha varanda baixa que favorecerá a observación directa dos restos. Tamén se instalarán novos atrís con infografías que axudarán a comprender como foi evolucionando a ponte, o antigo porto e a muralla de Pontevedra desde a Idade Media.

Ademais, o Concello ten a intención de abrir os restos á poboación mediante visitas guiadas acompañadas, tanto ao finalizar as obras como, na medida do posible, durante a propia intervención.

O orzamento total desta intervención ascende a 236.274 euros dos cales preto de 178.000 euros corresponden á intervención estrutural e arqueolóxica, e o restante á instalación da nova varanda e paneis informativos.

As obras terán un prazo de execución de seis meses desde a súa contratación. Neste momento, o Concello agarda polo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio para poder licitar o proxecto.

O concelleiro de Patrimonio Histórico destacou a importancia do proxecto porque “é unha intervención nun dos puntos neurálxicos da memoria de Pontevedra”. Este espazo “é testemuño físico da orixe da nosa cidade” e “é unha verdadeira declaración de intencións do Goberno Local pola aposta pola recuperación do patrimonio e de conservación da Ponte do Burgo”, concluíu.

Compartir publicación: