Unha nova edición de Ponteatro achegará ao Principal temas de actualidade da man de 6 compañías galegas e de fóra do país.

Amorodio Teatro, Teatro Español, Producións Teatrais Excéntricas, Histrión Teatro, Etiqueta Negra e Talía Teatro achegarán as mellores propostas do panorama teatral.

Os espectáculos terán lugar os xoves 9, 16, 23 e 30 de outubro e 6 e 13 de novembro ás 21.00 h.

Xa están á venda en Ataquilla.com os abonos a un prezo único de 30 € e as entradas a 8€ con desconto a 4€ para as persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65.


O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá unha nova tempada de Ponteatro que achegará 6 espectáculos do mellor teatro galego e de fóra do país entre o 9 de outubro e o 13 de novembro os xoves ás 21.00 h no Teatro Principal.

“Ponteatro regresa por fin a Pontevedra para esta nova tempada de outono con 6 obras diferentes, todos os xoves de outubro e dous xoves de novembro. Agardamos coma sempre unha boa resposta do público de Ponteatro, enchendo a sala, o que fai entender que acertamos coa programación. Desta volta traemos 4 espectáculos do mellor da produción galega que se pode traer e tratan temas moi contemporáneos, de actualidade: En ‘Cortello de amor’ abordaremos o prezo da vivenda, o alugueiro e a dificultade da xente moza para comezar a súa vida. Con ‘As desterradas’ a través dunha comunidade de monxas do século XVI, a resiliencia das mulleres a súa capacidade para transformar as cousas cando se xuntan. ‘Go home’ tratará tamén un tema de absoluta actualidade: a turistificación das nosas cidades. Pechamos con Talía o 13 de novembro que trae ‘Un deus salvaxe’ que a partir dunha cea de parellas e dun incidente entre os seus fillos, reflexiona sobre a sociedade actual e as relacións.

Como vedes o teatro galego actual está na liña do que para min debe ser o bo teatro e a literatura, a de facernos reflexionar sobre o mundo que temos e xerar moitas preguntas. Quixemos establecer nese sentido un diálogo entre estas obras e algunhas que se produciron fóra das nosas fronteiras galegas con mellor que se pode traer e contaremos en primeiro lugar o 16 de outubro con ‘Carmen, nada de nadie’: unha peza de teatro documental que fala sobre como a protagonista renunciou aos privilexios de clase e chegou a alcanzar un posto que ningunha muller desempeñara antes neste país: xefa do gabinete da Presidencia do Goberno. O 30 de outubro, Histrión Teatro traerá un dos éxitos desta tempada en todo o Estado, ‘Nevenka’ sobre a valentía desta muller que conseguiu levar ao alcalde de Ponferrada aos tribunais e gañarlle por primeira vez un xuízo por acoso no traballo.

Unha programación completa para pasar un outono entretido e proveitoso gozando do teatro en Pontevedra. As entradas xa á venda en Ataquilla.com a un prezo xeral de 8€ por espectáculo, 4€ a prezo reducido para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65. Tamén lanzamos polo momento 50 abonos a prezo único de 30€ que, tentaremos ampliar no caso de esgotarse”

Compartir publicación: