Publícanse as infografías dos 14 circuítos do Multisport

Realizadas polo infógrafo Xan Sabarís, recollen todos os elementos de interés para cada carreira

  Tras a experiencia competitiva de primerísimo nivel internacional que atesoura Pontevedra na última década, déronse a coñecer os percorridos oficiais das distintas probas do esperado Mundial Multisport de tríatlon que se desenvolverá entre o 20 e o 29 de xuño.

As infografías dos circuitos fóron realizadas polo infógrafo pontevedrés Xan Sabarís, como cada campionato de relevancia internacional. Recollen non só os percorridos, senón tamén os niveis, e outros datos de interés deportivo para as persoas que toman parte nas carreiras.

Tamén se elaborou un cadro resume da axenda deportiva oficial do campionato, que pode consultarse, coma estas infografías, nas webs do campionato: triatlon.pontevedra.gal e pontevedra.triathlon.org

Os trazados do Campionatos do Mundo de dúatlon (21 de xuño), tríatlon cros (24 de xuño), dúatlon cros (26 de xuño), acuatlón (27 de xuño), aquabike e o agardado tríatlon de longa distancia (29 de xuño) xa se poden consultar na web oficial pontevedra.triathlon.org e destacan por axuntar o interese deportivo coa calidade natural e paisaxística da contorna natural da capital para que miles de triatletas internacionais gocen desta edición do World Triathlon Multisport Championships.

O epicentro deportivo do Mundial deste verán estará no estadio do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde se situarán as saídas do dúatlon e aquabike, e nos arredores da ponte dos Tirantes, desde onde se inician no río Lérez as probas de acuatlón e tríatlon de longa distancia.

Todas as competicións finalizarán no arco de meta na pista do CGTD, agás as de tríatlon e dúatlon cros, que se celebrarán de maneira íntegra no Centro Deportivo David Cal e arredores, no Pontillón do Castro, Verducido. A modalidade de Aquabike ten o mesmo percorrido que a Longa Distancia, pero sen a carreira a pé.

Circuítos World Triathlon Multisport Championships

Os circuítos foron xa testados en diferentes competicións e mellorados para todas as carreiras que coroarán aos próximos campións do mundo na cita galega deste verán. Un dos máis agardados e de maior participación será o de tríatlon de Longa Distancia co que se pecha o Mundial o domingo 29 de xuño.

Arrincará con 3.000 metros de natación no río Lérez, a unha soa volta. Tras a primeira transición situada no céspede do CGTD, o segmento ciclista de 121 quilómetros presenta un esixente desnivel acumulado de máis de 1.500 metros sumando as súas tres voltas. A segunda transición, tamén no propio estadio, levará aos triatletas para percorrer 30 quilómetros polas rúas do centro histórico de Pontevedra, o broche de ouro a unha competición moi agardada e cos habituais milleiros de espectadores repartidos pola Boa Vila que darán calor ás e aos atletas.

A modalidade de dúatlon, tanto en categorías elite, júnior, relevos mixtos, paraduatlón, e en distancias sprint/standard teñen o seu centro neurálxico no CGTD, mentres que o acuatlón (1.000 metros de natación e 5.000 metros de carreira a pé) desenvólvese no Lérez e ten a transición na avenida de Bos Aires, mentres que a carreira a pé será maioritariamente pola Illa do Covo ou das Esculturas, con meta no CGTD.

As disciplinas “Cross” (dúatlon e tríatlon) con percorridos en bicicleta de montaña e carreira a pé que decorren campo a través, son os únicos que se trasladan á contorna natural do Centro Deportivo David Cal e arredores, no encoro do Pontillón do Castro, Verducido. No caso do tríatlon cross nádanse 1.000 metros, o sector ciclista consta de dúas voltas a un circuíto moi agradable para as e os participantes, e duro, de 15 quilómetros. Remata cunha carreira a pé de case 8 quilómetros. O dúatlon cross arrinca a pé (5,8 km), segue con 23,2 km de mountain bike e ten un terceiro segmento tamén de carreira de 3,2 km ata a meta.

Pontevedra, tras albergar o Mundial Multideporte de 2019 e a gran final das Series Mundiais en 2023, coroarase este verán como un destino de referencia internacional para a práctica do tríatlon, como paso previo a volver ser a sede da final das Series Mundiais en 2026.

Compartir publicación: