A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, protagonizou esta mañá un paseo inaugural pola I Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico de Pontevedra. O evento desenvolverase durante toda esta fin de semana, en horario de 11:00 a 20:00 horas, nunhas carpas en forma de tipi instaladas na Praza de España, contando cunha decena de stands nos que poderán degustarse os postres típicos destas datas: Panadería Acuña, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado, Stromboli e Anxemí Panadería e Pastelería Artesá, así como un espazo específico da iniciativa Capital Gastro Lab.
O recinto conta con mesas (sen cadeiras) para que os asistentes poidan desfrutar con calma os doces típicos destas datas e dispón dunha zona de exhibición de materias primas.
Esta nova cita gastronómica, enmarcada dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro, busca poñer en valor o noso potencial culinario e engrosar o currículo co que a cidade pretende obter o título de Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023.














