Rearborízate alongará a vida das árbores de Nadal nunha parcela do Monte de Tomeza

A Concellaría de Montes, que dirixe Alberto Oubiña, en colaboración coa Comunidade de Tomeza ofrece aos pontevedreses a posibilidade de replantar a súa árbore de Nadal natural, ou vén cederlla ao Concello para darlles unha segunda oportunidade.

Os interesados deberán inscribirse na web municipal antes do 5 de xaneiro.

Alberto Oubiña, concelleiro de Montes.

A Concellaría de Montes en colaboración coa Concellaría de Festas, que xestionan Alberto Oubiña e Carme da Silva, e a Comunidade de Montes de Tomeza poñen en marcha este Nadal o programa “Rearborízate”; unha iniciativa que quere alongar a vida as árbores de Nadal naturais que nestas datas encherán de vida e alegría os fogares, comunidades de veciños, centros de traballo… dos pontevedreses e pontevedresas.

Para iso a Comunidade de Montes de Tomeza ofrece á Concellaría que xestiona Alberto Oubiña unha parcela na que os donos das árbores poderán replantar ese exemplar e gozar del o resto da súa vida. A Concellaría tamén dá a opción de cedela ao Concello, no caso de que non se decidan a plantala eles mesmos.

A plantación está prevista para o vindeiro 9 de xaneiro e todas as persoas que queiran participar no programa, deben poñerse en contacto coa Concellaría de Montes no teléfono teléfono 986804300 (extensión 7583) ou cubrindo o formulario habilitado no web apuntate.pontevedra.gal antes do 5 de xaneiro.

O departamento porase en contacto con cada participante para informarlles das datas de plantación ou, no caso de que só queiran entregar a árbore, onde poderán depositala.

Para que as árbores sexan viables no monte, a Concellaría pide que durante o Nadal (mentres a árbore está nos domicilios ou centros de traballo) se adopten os seguintes coidados sinxelos:

  • A árbore debe estar afastada de fontes de calor como radiadores ou chemineas, e tamén debe estar preto dunha fiestra, e incluso, que lle dea aire fresco.
  • Require un rego abundante pero sen encharcala. Un pouco de auga na base, a diario, será suficiente para que sobreviva.
  • As árbores deberán conservar o seu terrón, e non deben ter as pólas cortadas, senón non sobrevivirán. A información do programa tamén se repartirá nos stands de Tempo de Nadal da Ferraría que se abrirá este xoves, 17 de decembro.

Compartir publicación: