Desenvolvemento Sostible destinará máis de 150.000 € ao proxecto para poñer en valor e abrir ao público o parque da Uned en Monte Porreiro

  • Iván Puentes levará o luns a Xunta de Goberno a aceptación da cesión da parcela do centro asociado, o que desbloqueará a licitación deste proxecto e a do novo concurso de xardíns
  • A proposta contempla a conexión co Miradoiro mediante a creación dunha plataforma única elevada para o calmado de tráfico no entronque da Uned coas rúas Italia, Francia e Dinamarca

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno Local a aceptación da cesión do parque da Uned en Monte Porreiro, o que permitirá desbloquear dúas licitacións esenciais para o Concello de Pontevedra neste mandato: a do propio proxecto para poñer en valor e abrir os xardíns do centro asociado ao uso e desfrute da cidadanía e a do concurso para o novo contrato municipal de conservación e mantemento de zonas verdes (que inclúe por primeira vez á urbanización). En base á memoria valorada que elaborou a enxeñeira de montes María Luz Cayetano Molina, o departamento que dirixe o edil socialista destinará 151.250,19 euros ás actuacións necesarias para mellorar e abrir ao público o parque da Uned, unha achega económica contemplada dentro da última modificación de crédito realizada polo equipo de Goberno.

Entre as intervencións contempladas nesta memoria inclúese a conexión e integración deste espazo verde no contorno do Miradoiro mediante a creación dunha plataforma única elevada no entronque da actual zona de acceso ao estacionamento do centro asociado coas rúas Italia, Dinamarca e Francia. Tal e como lembra o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que hoxe deu a coñecer os primeiros planos dos traballos previstos, “o Concello asinou no primeiro semestre deste ano co consorcio responsable da xestión do centro asociado o convenio de cesión para a apertura dos seus espazos axardinados, o que, trala aprobación da mesma, se materializará nunha cesión a catro anos con posibilidade de prórroga”.

“O obxectivo fundamental deste acordo -apunta Iván Puentes- é garantir o uso público e libre acceso aos xardíns e facer posible un uso mixto dos mesmos, tanto para os estudantes e persoal da Uned como para os veciños de Monte Porreiro e a cidadanía pontevedresa en xeral. Como condición para esta apertura, a Concellería de Desenvolvemento Sostible comprometeuse non só a redactar e executar un proxecto de paisaxismo, senón tamén a asumir as tarefas de seguridade e vixilancia, limpeza, mantemento e conservación do parque, desenvolvendo plantacións de árbores, traballos de xardinería, recuperación de beirarrúas e camiños, instalación de mobiliario e sinalización de sendas e elementos singulares, así como actividades lúdicas e deportivas”.

Visibilizar o valor do patrimonio natural

A memoria valorada establece como obxectivos prioritarios o de abrir fisicamente o parque e facer posible o acceso peonil polas rúas Italia e Francia, vencellándoo ao barrio de Monte Porreiro e ao Mirador, principal parque urbano desta zona da cidade. Asemade, o proxecto permitirá ampliar os itinerarios peonís e conectalos á rede existente, ordenar os espazos e o acceso rodado á parcela, xerar un contorno singular con identidade propia capaz de atraer á xente, fomentar a biodiversidade da zona e vencellala co tecido educativo para favorecer contornos de aprendizaxe naturais, visibilizar o valor do seu patrimonio natural, favorecer unha xestión sostible da auga (en especial da auga da choiva) e fomentar espazos accesibles, seguros e inclusivos.

O parque da Uned ocupa unha extensión de 22.230 metros cadrados, dos que 3.675 están ocupados polo edificio educativo situado no extremo sureste da parcela, contando con especies arbóreas como o brachichito (Brachychiton sp.), a pseudosuga (Pseudotsuga menziesii), o plátano (Platanus × hispánica), o cedro (Cedrus sp.), a butia, a euxenia (Euxenia mirtifolia), a secuoia (Sequoia sp), o camelio (Camellia xapónica), o carballo (Quercus robur), o rododendro (Rhododendron sp.), a acacia negra (Acacia melanoxylon) e a magnolia (Magnolia grandiflora). 

Para facer posible a mellora das zonas axardinadas e a súa apertura ao público procederase á realización dunha serie de labores preparatorios sobre o material vexetal, entre as que se contemplan:

  • A protección do arborado maduro mediante a colocación de táboas protectoras.
  • A poda puntual dalgúns pés que precisan traballos de mantemento e formación de copa con camión-grúa con cesta ou elevador hidráulico.
  • A retirada de diversos tocóns presentes na parcela e que deben ser eliminados para a correcta execución das novas circulacións.
  • Proponse a demolición e retirada parcial do asfalto do acceso rodado, o escarificado da zona de cruce e a beirarrúa coa finalidade de recuperar o eixo que historicamente conecta co Miradoiro e habilitar unha nova zona de estancia na esquina entre as rúas Italia e Francia.
  • O estanque presente na área norte da parcela tamén será retirado mediante o uso de retroescavadora e martelo rompedor.
  • No límite este da parcela se procederá á desmontaxe da cerca diáfana actual, que se atopa en mal estado.
  • Tamén se desmontarán aqueles elementos deteriorados como farolas en mal estado, bancos rotos ou papeleiras degradadas.
  • Por último, acometerase a apertura de tres novos accesos: dous laterais, un pola rúa Italia e outro pola rúa Francia, e o principal na esquina dámbalas rúas (procedendo tanto á demolición da base como dos paneis de peche).

Segundo explica Iván Puentes, “para a xeración de novos camiños peonís internos, realizarase un desbroce e limpeza superficial do terreo, ata unha profundidade de 10 centímetros e empregando medios manuais, para posteriormente executar como mini-retroescavadora a apertura de caixa para os asentos das bases das novas sendas (o terreo retirado será debidamente trasladado a un vertedoiro autorizado)”. “Os novos accesos estarán formados por muros de mampostería de granito, replicando a solución existente na zona sur da parcela, coincidindo coa entrada principal ao centro educativo, e por portas metálicas para o seu peche en horarios non lectivos. O límite da parcela será debidamente delimitado coa colocación dun enreixado formado por malla e postes metálicos galvanizados e plastificados de 2,2 metros de altura”, sinala o concelleiro do PSOE.

Pavimentos, axardinamento, mobiliario, alumeado e sistema de rego

O proxecto recollido na memoria valorada propón a creación dunha plataforma elevada para o calmado de tráfico na zona exterior do recinto, no cruce de vehículos, para o que se plantexa o recrecido do espazo cun tratamento superficial con gravilla e o pintado mediante o emprego de ‘slurry’ (unha pintura de consistencia pastosa que lle confire ao pavimento características antideslizantes, acabados estéticos e protección). A zona estancial xerada ao retranquear o muro actual será pavimentada con adoquíns prefabricados de formigón.

Tamén se propón a creación de novas circulacións internas, empregando dúas xerarquías: un camiño principal de dous metros de ancho e unhas sendas secundarias de un metro de ancho. Para a realización destes camiños utilizarase unha sub-base de cinco centímetros de espesor con zahorra sobre a que se colocarán dez centímetros de xabre, mentres que para a delimitación das sendas principais desta rede se usará bordillo metálico, formado por chapa de aceiro inoxidable.

Para aumentar a capacidade de infiltración do parque, executarase unha solución de cuneta drenante vexetada na zona máis baixa da parcela, no bordo norte, cunha lonxitude liñal de 30 metros. “Dita cuneta drenante -precisa Iván Puentes- fará posible desviar e conducir as augas da choiva que na actualidade se conducen á rede de saneamento. Do mesmo xeito que se xeraría unha zona con maior humidade que o resto dos xardíns, temporalmente inundada, dando lugar a un hábitat húmido de interese para a mellora da biodiversidade da zona”.

No que atinxe ao axardinamento, en torno ás novas circulacións deseñadas plantaríanse vivaces e aromáticas para crear espazos atractivos a nivel estético e tamén pola súa capacidade de atracción de insectos, bolboretas e demais fauna asociada. Acometerase unha semente revitalizante no resto de superficies non intervidas e tódalas plantacións previstas nas novas zonas axardinadas contarán cun sistema de rego por goteo automatizado.

O proxecto de posta en valor e apertura do parque da Uned tamén leva asociada a dotación de espazos estanciais coa instalación de tres pezas de mobiliario: bancos de madeira inspirados nos bancos románticos, cadeiras móbiles coa mesma inspiración e bancos fixos situados arredor dalgunhas das árbores de maior interese botánico. Este mobiliario completarase coa colocación de papeleiras e dunha fonte.

Do mesmo xeito, disporase dunha serie de elementos para favorecer a biodiversidade do parque coa instalación de caixas de aniñamento para aves e estruturas de ‘hotel de insectos’. Asemade, proponse a dotación de luminarias tipo LED, dacordo coa normativa para a xeración de camiños accesibles, cun sistema centralizado programable en función das horas de apertura dos xardíns.

O tenente de alcalde, Tino Fernández manifestou a súa intención de que as actuacións recollidas neste proxecto, que ten un prazo de execución duns catro meses unha vez que se poña en marcha (polo que podería ser realidade no primeiro semestre de 2022), sexan “consensuadas e debatidas coa veciñanza de Monte Porreiro e cos usuarios do centro asociado da Uned a través de reunións e doutras canles e fórmulas de participación”.

Un contrato de máis dun millón de euros con moitas zonas novas

O trámite de aceptación da cesión da parcela da Uned que se levará a Xunta de Goberno Local este luns tamén desbloqueará a licitación do novo contrato de xardíns e zonas verdes, para o que a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou un orzamento que supera o millón de euros (fronte aos 700.000 euros do actual), incorporando novas zonas que non estaban incluídas, como parte do campus universitario (froito do convenio para a execución do skate park), o contorno do Pazo da Cultura (da que se encargaba ata agora o propio organismo) e, sobre todo, o barrio de Monte Porreiro, que ata o momento non estaba no contrato. “En xeral, tentamos meter decenas de espazos que foran quedando descolgadas ao longo do tempo. A miña intención é obviamente a de incluír outras zonas verdes que o Concello desenvolva ou incorpore ao longo da duración do contrato, como as do convento de Santa Clara (unha vez que se formalice a compra). A licitación farase por un período de catro anos”, avanza Iván Puentes.

Os xardíns da vila ‘Buenos Aires’ de Casimiro Gómez

Os xardíns da Uned formaron parte da vila ‘Buenos Aires’, cuxo propietario foi Casimiro Gómez, un importante home de negocios que, tras facer fortuna en Latinoamérica regresou á súa Pontevedra natal coa ambición de poñer en marcha diversos negocios entre os que se atopaba a explotación da finca, tamén coñecida como A Granxa de Monte Porreiro. Gómez mercou os terreos en 1900 e desenvolveu un proxecto pioneiro cunha importante repercusión para a cidade de comezos do século XX. A parcela orixinal tiña unha extensión de 70 hectáreas e nun comezo a súa actividade principal estaba vencellada ás augas termais e aos mananciais existentes. Trala I Guerra Mundial, a actividade da finca foi reorientada cara a unha granxa experimental.

Os xardíns do centro asociado da Uned ocupan parcialmente os mencionados xardíns románticos, denominados parque de Buenos Aires na cartografía de 1906 contida no libro ‘El balneario del Lérez. La aventura de Casimiro Gómez’.

Compartir publicación: