A camiñada de Ponteandadas polo río dos Gafos conta coa participación de 166 persoas

O programa Ponteandadas, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde no marco do seu proxecto A Vida é Movernos, congregou hoxe no seu segundo roteiro, que percorreu o contorno do río dos Gafos a través do lugar de Cabanas (Salcedo), a un total de 166 persoas. Ao igual que na anterior saída, esta camiñada desenvolveuse en base un estrito protocolo anti Covid, con grupos dun máximo de 20 participantes, recepción dos asistentes nun circuíto valado situado na Praza do Gremio de Mareantes e medidas de prevención (xel desinfectante, luvas…), mascarilla obrigatoria, distancia mínima de dous metros e a necesidade de respectar as indicacións dos monitores, de non adiantalos e de manterse sempre no mesmo grupo. A ruta estivo ademais marcada e indicada con frechas amarelas e contou con monitores titulados e servizo de ambulancia.

A vindeira ruta de Ponteandadas será o domingo 24 de outubro e terá lugar no parque forestal da Fracha (con saída desde a área recreativa ás 10:00 horas), estando previstas unha polo encoro do Pontillón dos Castro para o 7 de novembro e outra polo parque forestal da Tomba para o 21 de novembro. Todos aqueles interesados en participar nas mesmas poden xestionar as inscricións coa firma Naturgaliza a través da dirección de correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou o whatsapp 625 48 26 36, establecéndose un máximo de 200 prazas por roteiro.

Compartir publicación: