Pontevedra aspira a converterse en referente galego dos videoxogos coa primeira edición do evento gamer PING (PonteInGames)

Torneos, charlas e emisións en streaming conformarán o programa de actividades deseñado para a primeira edición do PING (PonteInGames), un evento gamer que terá lugar no Pazo da Cultura os días 2, 3 e 4 de decembro co que Pontevedra aspira a converterse en referente galego dos videoxogos. As xornadas, impulsadas pola produtora Volvemos a Primera e patrocinadas pola Concellería de Promoción e Turismo a través da plataforma #PonteLovers, serán unha cita ineludible para os numerosos amantes deste universo, que poderán competir en diversos xogos, escoitar a expertos e compartir experiencias.


Segundo avanza a concelleira Yoya Blanco, “trátase dun evento moi agardado, que evidentemente tiña que agardar a que se desen as condicións axeitadas para celebrarse, e que incluirá conferencias sobre o mundo do gaming, torneos de videoxogos e mesmo un programa en directo aberto ao público e streameado, que contará coa participación de streamers galegos cásters e competidores de eSports”. “PonteInGames é un deses proxectos que iniciamos sabendo que atraerá á cidade a moitísima xente do noso contorno e do resto de Galicia e do que agardamos que se consolide e creza noutras edicións, que de seguro as haberá”, sinala a edil socialista.

Compartir publicación: