A Vida é Movernos pon en marcha o seus talleres de Defensa Persoal para Mulleres

O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, puxo esta tarde en marcha no Ximnasio B do Pavillón Municipal dos Deportes os seus talleres de Defensa Persoal para Mulleres, impartidos de balde polo Club Taekwondo Taekanart. Os obradoiros, que terán continuidade os días 3, 14 e 17 de decembro, ten os obxectivos de achegar unha serie de ferramentas e habilidades que reforcen as actitudes mentais e corporais; o desenvolvemento de mobilidade corporal e capacidades de anticipación, esquiva, evasión e acción-reacción, a capacidade de toma de decisións e iniciativa ou reacción ante a ameaza ou a agresión… Coa finalidade máis común: a evasión e fuxida.


Ao longo de dúas horas, as mulleres participantes tiveron ocasión de afrontar o problema da violencia machista desde un prisma global, asimilando coñecementos, actitudes e técnicas ante situacións de agresión. Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “ao longo destes talleres poderán aprender diversos métodos de autodefensa e evasión que lles permitan salvar situacións anómalas, difíciles, potencialmente perigosas ou claramente de perigo”.


Trátase de coñecementos sinxelos sobre cuestións como as reaccións máis oportunas ante as agresións máis comúns, pero tamén de preparación física e psíquica fronte a situacións impactantes ou traumáticas. O obxectivo do programa A Vida é Movernos coa organización desta actividade é o de axudar ás mulleres a superar os seus medos, reforzar a súa autoestima, valía e propio recoñecemento e dotalas de poder e medios para actuar e saír indemnes.


Deste xeito, os talleres abranguen aspectos psicolóxicos (que permiten afrontar o conflito sen sometemento e con capacidade para a toma de decisións), legais (polo coñecemento básico necesario do noso  ordenamento xurídico), estratéxicos (que van permitir unha decisión correcta trala avaliación do conflito), físicos (que teñen que ver coas cualidades, habilidades persoais e técnica defensiva) e de prevención. Entre as cuestións que se abordan inclúense: 


1. Lograr saír ilesas ou co mínimo dano.

2. Utiliza-la máxima enerxía na defensa.

3. Realizar teatro de submisión para conseguir o obxectivo final.

4. Conseguir involucrar a terceiras persoas na acción.

5. Utilizar os cauces legais de protección e denuncia.

Compartir publicación: