- Os catro obradoiros promovidos pola Concellería de Deportes celebraranse os días 30 de novembro e 3, 14 e 17 de decembro en horario de tarde, entre as 19:30 e as 21:30 horas
- Todas aquelas mulleres que desexen participar poderán facelo con inscrición previa no email taekwondotaekanart@gmail.com, existindo un máximo de 30 prazas dispoñibles
Nestas datas de reivindicación e visibilización da eliminación da violencia contra as mulleres, o programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, organizou uns talleres de Defensa Persoal para Mulleres que se celebrarán os días 30 de novembro e 3, 14 e 17 de decembro no Ximnasio B do Pavillón Municipal dos Deportes. A actividade, que se levará a cabo en catro obradoiros de dúas horas de duración cada un, será impartida de balde por expertos do Club Taekwondo Taekanart e ten os obxectivos de achegar unha serie de ferramentas e habilidades que reforcen as actitudes mentais e corporais; o desenvolvemento de mobilidade corporal e capacidades de anticipación, esquiva, evasión e acción-reacción, a capacidade de toma de decisións e iniciativa ou reacción ante a ameaza ou a agresión… Coa finalidade máis común: a evasión e fuxida.
Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “estes talleres de Defensa Persoal para Mulleres pretenden afrontar o problema da violencia machista desde un prisma global, achegando coñecementos, actitudes e técnicas ante situacións de agresión e autoafirmando e reforzando psíquica e fisicamente a mulleres que a sofren ou son susceptibles de sufrila”. “As participantes poderán aprender diversos métodos de autodefensa e evasión que lles permitan salvar situacións anómalas, difíciles, potencialmente perigosas ou claramente de perigo. Serán coñecementos sinxelos sobre cuestións como as reaccións máis oportunas ante as agresións máis comúns, pero tamén de preparación física e psíquica fronte a situacións impactantes ou traumáticas”, explica o edil do PSOE.
Fernández aclara que, en todo caso, os obradoiros “non están enfocados exclusivamente a mulleres que foron ou son vítimas de maltrato machista, senón a tódalas mozas e mulleres que desexen participar, xa que temos que pensar en impulsar este tipo de iniciativas desde idades temperás, con carácter preventivo, tentando evitar que a violencia chegue a estar presente”. Para o tenente de alcalde, “é preciso educar no rexeitamento á violencia, o acceso ao diálogo para evitala e, no peor dos casos, a aplicación proporcional da resposta defensiva, priorizando saír ilesas e fuxir”. “Desde A Vida é Movernos tamén queremos axudar ás mulleres a superar os seus medos, reforzar a súa autoestima, valía e propio recoñecemento e dotalas de poder e medios para actuar e saír indemnes”, apunta o concelleiro socialista.
Deste xeito, os talleres abranguen aspectos psicolóxicos (que permiten afrontar o conflito sen sometemento e con capacidade para a toma de decisións), legais (polo coñecemento básico necesario do noso ordenamento xurídico), estratéxicos (que van permitir unha decisión correcta trala avaliación do conflito), físicos (que teñen que ver coas cualidades, habilidades persoais e técnica defensiva) e de prevención. Entre as cuestións que se abordarán inclúense os obxectivos de:
- Lograr saír ilesas ou co mínimo dano.
- Utiliza-la máxima enerxía na defensa.
- Realizar teatro de submisión para conseguir o obxectivo final.
- Conseguir involucrar a terceiras persoas na acción.
- Utilizar os cauces legais de protección e denuncia.
Tino Fernández sinala que “no marco da prevención preténdese achegar información que lles permitirá introducir estratexias na súa vida cotiá, aprendendo a detectar, localizar e avaliar situacións de risco, e ter unha visión de conxunto: observación de saídas, elementos do contorno que servan de protección e/ou defensa…”. Todas aquelas mulleres que queiran participar nos talleres poderán facelo mediante inscrición previa na dirección de email taekwondotaekanart@gmail.com, existindo un máximo de 30 prazas dispoñibles.