Remata a reforma da rúa Loureiro Crespo coa plantación de Prunus, Quercus e Loureiros

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe a plantación das árbores da rúa Loureiro Crespo co que se remata da obra, antes de que a Concellaría de Obras organice un acto de posta a disposición da rúa cara finais de mes.

As árbores que se están a plantar son Quercus na continuidade da avenida de Lugo e Prunus no tramo entre Doce de novembro e o hospital. Ademais, no alcorque situado ao carón da nova residencia da terceira idade plantaranse dous loureiros, facendo unha homenaxe ao nome da rúa, así como no seguinte alcorque.

No último (o máis próximo ao hospital) substituirase o arborado por un monolito que recordará a campaña #eusonloureiro de promoción do comercio da zona mentres se realizaron os traballos (e mentres a pandemia o permitiu).

A plantación de Loureiro Crespo tivo que pospoñerse até o inverno, momento en que se poden facer estes traballos.

Mentres, o Concello continúa a traballar na segunda parte da obra de reforma que afecta a todo o barrio do Castañal. A remodelación, que tamén sufriu os ritmos que a Covid impuxo á execución da obra pública, vai avanzando polas distintas rúas de xeito evidente e transformando a vida dos veciños e veciñas.

Compartir publicación: