- Máis de 40 rapaces de entre 10 e 16 anos participarán o domingo no Rocódromo Municipal nesta competición, organizada polo Club Montañeiros Celtas co apoio da Concellería de Deportes
- Entre os competidores, pertencentes a cinco clubs das provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense, atópanse cinco escaladores posicionados como finalistas para o Campionato de España
Impulsar o desenvolvemento da modalidade de escalada deportiva e fomentar a creación dunha canteira de escaladores con presenza futura en competicións son algúns dos obxectivos da III Proba da Copa Galega de Escalada en Idade Escolar, que terá lugar este domingo 14 de novembro no Rocódromo Municipal de Pontevedra (no Pavillón Multiúsos da Xunqueira). O evento, organizado polo Club Montañeiros Celtas de Vigo co apoio da Concellería de Deportes, a Federación Galega de Montañismo e o Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo, contará coa participación de máis de 40 rapaces de categorías Alevín (Sub-12), Cadete (Sub-14) e Xuvenil (Sub-16), con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos.
A proba, que se celebrará entre as 9:00 e as 14:00 horas, foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto que contou coa asistencia do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta do Club Montañeiros Celtas, Carmen Pérez; o coordinador da competición, Fernando Fernández, do Montañeiros Celtas, e o vicepresidente do Club Aromon Pontevedra, Manuel Beloso. Tal e como avanzou o edil socialista, “as xoves promesas da escalada que se darán cita na nosa cidade proceden de cinco equipos de tres provincias galegas: a Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI) de A Coruña, con 11 participantes; o club da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou), con 14; o Club Montañeiros Celtas de Vigo, con 9; a Agrupación de Montaña e Escalada Bestarruza de Mugardos, con 5, e o Club Aromon de Pontevedra, con 2 participantes”.
“Nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) de Pontevedra hai máis de 20 modalidades deportivas diferentes e, nesta última edición, a escalada foi, en proporción ao número de prazas ofertadas, a que máis éxito tivo, o que quere dicir que, a pesar de ser un deses deportes que algúns chaman minoritarios, ten un caldo de cultivo moi importante na nosa cidade. A da escalada é xa unha disciplina deportiva olímpica, absolutamente espectacular, na que vimos de acadar éxitos significativos en Tokio. Está instalada en Pontevedra desde hai máis de 30 anos e esta fin de semana teremos aquí a varios xoves prodixios galegos, entre os que se atopan cinco escaladores que están posicionados como finalistas para o Campionato de España”, subliñou Tino Fernández.
Carmen Pérez asegurou que “a escalada deportiva vén con moita forza e ten hoxe en día, tras acadar unha entidade olímpica, un futuro de desenvolvemento moi rápido, con moitos socios que queren participar na mesma”. Segundo indicou Pérez, tanto Aromon como Montañeiros Celtas teñen algunhas figuras importantes nesta disciplina, “cos dous primeiros clasificados a nivel autonómico en modalidade Cadete, que nos representan nos Campionatos de España”, o que, coa actividade que están a realizar os clubs, debe servir de estímulo para desenvolver as infraestruturas de escalada en Pontevedra e Vigo e para contar con maiores posibilidades de postos a nivel olímpico e de competicións nacionais”.
Manuel Beloso fixo fincapé nos estreitos lazos que unen aos clubs Aromon Pontevedra e Montañeiros Celtas, “que levamos moitos anos colaborando e participando en actividades de montaña e escalada”, e agradeceu á Concellería de Deportes “a disposición que tivo para apoiarnos nesta e outras iniciativas”.
Un deporte que fomenta a igualdade de xénero
Fernando Fernández indicou que esta proba persegue, entre outras cousas, “promover a escalada deportiva entre as persoas máis novas, mellorar o nivel deportivo dos escaladores e escaladoras nestas idades, e simular a competición, sempre baseada nun respecto e na camaradería entre os competidores, así como impulsar a igualdade de xénero nas competicións”. “O número de mulleres que participan en competicións é moi semellante ao de homes. É un deporte no que existe unha cota importante de igualdade. Na proba desta fin de semana hai categorías nas que hai tantos participantes mulleres como homes. Haberá ademais cinco xuíces que controlarán a puntuación dos participantes e que serán cinco mulleres”, apuntou o coordinador do evento.
O voceiro de Montañeiros Celtas salientou que “o campión olímpico (Alberto Ginés) tiña 18 anos cando acadou a medalla o 5 de agosto, e en Pontevedra haberá rapaces de 16 anos e xente moi nova que rapidamente, en dous ou tres anos, pode acadar niveles moi altos”. Fernando Fernández aclarou que “a competición non vai por tempos, senón por dificultade: os escaladores van alcanzando unha serie de presas e, en función da presa que acaden, obterán unha determinada puntuación, ata chegar ao final, ao que chamamos o top”. “En caso de empate -matizou- tamén se medirían os tempos”.
No que atinxe ao número de participantes por categoría, haberá 16 competidores Sub-12 (10 nenos e 6 nenas), 11 Sub-14 (6 masculinos e 5 femininos) e 14 Sub-16 (7 rapaces e 7 rapazas), o que pon de manifesto a elevada implicación de mulleres neste deporte. Antes desta proba en Pontevedra celebráronse outras en Coruña e Ourense. Do resultado da suma das tres sairán os escaladores que representarán a Galicia nas competicións estatais.
O evento dará comezo ás 9:00 horas coa recepción dos participantes, a entrega de dorsais e a apertura da zona de quecemento. Ás 9:45 horas terá lugar unha charla técnica e unha observación das vías de escalada (cunha escalada ‘ao flash’ ou analizando a concatenación de movementos antes de afrontala) e ás 10:00 horas dará comezo a competición. As finais desta III Proba da Copa Galega desenvolveranse entre as 13:00 e as 14:00 horas, estando prevista a celebración do acto de entrega de premios, con medallas para os deportistas que fagan podio, para as 14:45 horas (tódolos participantes recibirán ademais un ‘buff’ de recordo).



