Iván Puentes inaugura a exposición divulgativa ‘Así na terra como no mar’ no Gastroespazo do Mercado de Abastos

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presidiu onte no primeiro andar do Mercado de Abastos o acto de inauguración da exposición divulgativa ‘Así na terra como no mar’, que poderá visitarse durante todo o mes de novembro e que foi elaborada a partir dos diferentes residuos mariños atopados nas nosas costas durante os últimos anos, ‘coleccionados’ pola Autoridade Portuaria do Porto de Marín e Ría de Pontevedra. A mostra, impulsada polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica (que cede as instalacións do Gastroespazo), busca concienciar e informar aos visitantes do Mercado sobre o impacto que o lixo e as nosas accións cotiás teñen na saúde das nosas rías.

Esta exposición enmárcase no proxecto do Corpo Europeo de Solidariedade (voluntariado comunitario) The No Waste Project, impulsado pola organización Ticket2Europe (promotora, con axuda de Europa, de iniciativas que involucran á xuventude nos cambios sociais) coa finalidade de poñer en valor accións sostibles dun pasado non moi lonxano e de fomentar actividades e propostas respectuosas e responsables co medio ambiente. Os diferentes tipos de residuos foron instalados con carteis informativos nos que se pode atopar a súa procedencia e unha serie de datos relevantes sobre os mesmos ou sobre curiosidades relacionadas coas condutas sostibles que se queren promover.


A Autoridade Portuaria brinda deste xeito a oportunidade de utilizar unha exposición de residuos marítimos que leva categorizando desde hai uns anos, na que podemos atopar lixo moi variado, con obxectos sorprendentes tanto en lonxevidade como en extravagancia, desde esqueletos de cetáceos ata envoltorios de champús para o cabelo do ano 1980. Con esta colaboración, a Concellería de Desenvolvemento Sostible pretende expoñer a problemática real das toneladas de lixo que se recollen nas nosas costas e promover pequenos actos cotiás que poidan transformar esta problemática.


Esta colección de residuos xa foi empregada con anterioridade noutras prazas e colexios para concienciar a diferentes colectivos poboacionais.

Compartir publicación: