- A estadía na ‘green capital’ do País Vasco desenvolverase entre o xoves 10 e o venres 11 e incluirá reunións técnico-políticas para analizar os plans financiados pola Fundación Biodiversidade e visitas a diversas infraestruturas verdes
- A comitiva estará integrada pola edil de Turismo, Yoya Blanco; o responsable do proxecto Rede Verde, Manuel Fontán, xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, e o director do departamento de Enxeñería Civil da UDC, Alberto Varela
- O programa das xornadas prevé roteiros en bicis eléctricas e visitas ao Centro de Interpretación dos Humedais de Salburua (Ataria), ao moderno aparcabicis da Praza da Memoria (dotado de 231 prazas) e á orixinal bici-lonxa da rúa Correría
Compartir coñecementos, experiencias e estratexias sobre renaturalización e loita contra o cambio climático cunha ‘green capital’ que, ao igual que Pontevedra, decidiu converterse en referente nacional dun modelo de cidade sostible e que aposta polas infraestruturas verdes e azuis. Estes son algúns dos principais obxectivos cos que esta semana viaxará a Vitoria unha delegación pontevedresa encabezada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e da que tamén formarán parte a edil de Turismo, Yoya Blanco; o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns e responsable do proxecto Rede Verde (que aglutina as accións financiadas por fondos europeos na nosa cidade a través da Fundación Biodiversidade), Manuel Fontán, e o director do departamento de Enxeñería Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Alberto Varela (investigador principal dalgunha das actuacións incluídas na Rede Verde).
Deste xeito, o Concello de Pontevedra e a UDC buscan establecer liñas de colaboración e de intercambio de ideas cunha cidade que está a avanzar na nosa mesma dirección e que conta con varios proxectos subvencionados pola Fundación Biodiversidade. A estadía en Vitoria desenvolverase durante as xornadas do xoves 10 e o venres 11 de novembro, cunha axenda que incluirá reunións técnico-políticas e visitas a varias infraestruturas verdes de interese.
Así, na axenda de traballo deseñada para estes días contémplanse:
- Xoves 10 de novembro:
9:30 horas. Acollida da delegación pontevedresa no Salón de Recepcións da Casa Consistorial de Vitoria
10:00 horas. Reunión técnico-política na Sala 3 de Alcaldía, con tres técnicos do Centro de Estudos Ambientais (CEA) de Vitoria-Gasteiz
11:30 horas. Visita pola cidade, percorrendo diferentes infraestruturas verdes urbanas en bicicletas eléctricas
16:00 horas. Visita ao Centro de Interpretación dos Humedais de Salburua (Ataria), da man do seu director, Gorka Belamendia
- Venres 11 de novembro:
8:45 horas. Reunión na Sala 3 de Alcaldía coa tenente de alcalde, concelleira de Promoción Económica e Turismo e portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Maider Etxebarria García, e co concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, o socialista Igor Salazar Ochoa
9:00 horas. Reunión técnico-política sobre mobilidade na Sala 3 de Alcaldía, coa participación da concelleira responsable do CEA, Ana Oregi
12:30 horas. Visita á Praza do Memorial e ao seu novo aparcabicis (dotado de 231 prazas) e, posteriormente, á orixinal bici-lonxa da rúa Correría
Segundo explica Iván Puentes, “a pasada semana recibimos aquí a visita dun grupo de técnicos da Fundación Biodiversidade cos que puidemos definir un plan de actuación, desglosar e axustar o cronograma da Rede Verde, detallando o seus principais fitos (elaboración de proxectos, licitacións, etapas de execución de cada acción, primeiros mantementos…), así como amosarlles os espazos nos que se levarán a cabo algunhas intervencións deseñadas”. “Esta viaxe a Vitoria servirá para coñecer de primeira man as propostas e experiencias dunha urbe que, ao igual que nós, decidiu apostar por un modelo de cidade verde e sostible, así como para amosarlles algunhas das ambiciosas e pioneiras actuacións que imos executar nos eidos da renaturalización e a resiliencia”, sinala o concelleiro.
Os proxectos da Rede Verde Pontevedra contan co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.
O paquete de actuacións incluídos na Rede Verde, presentado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible á convocatoria para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ascende a 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE), dos que a Fundación Biodiversidade financiará nun 95% tanto os 3.657.282,38 millóns do orzamento do Concello (3.474.418,25 €) como os 301.347,11 euros que corresponden ao da Universidade da Coruña (286.279,75 €), implicada en varios dos proxectos (deses 3,6 millóns, o Concello de Pontevedra asumiría polo tanto o 5% restante e mailo IVE, sumando deste xeito, coa parte da Universidade, un investimento de máis de 4,7 millóns de euros).
Entre as intervencións propostas inclúese o plan da Concellería que dirixe Iván Puentes para destapar o treito urbano do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo e convertelo nun fermoso parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra. Unha intervención estratéxica que recibirá concretamente unha achega económica duns 2,3 millóns de euros (co IVE) e que mellorará a calidade de vida de tódolos pontevedreses.
Unha Estratexia de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático
A proposta remitida a finais do ano pasado á Fundación Biodiversidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible plantexouse como un plan destinado a desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático.
Deste xeito, entre os obxectivos recollidos tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. Unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero de espazos verdes, á que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE nos vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade o compoñente medioambiental.
Ademais, entre as accións concretas recóllense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible, cun orzamento de 923.456,51 euros (1.117.382,37 € con IVE); a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, cun orzamento de 304.571 euros (uns 368.530 € con IVE), e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), cun orzamento de 157.569,40 euros (máis de 190.000 € co IVE).
Hai que salientar o feito de que das 99 candidaturas presentadas á convocatoria da Fundación Biodiversidade, só se aprobaron 18 en toda España e a de Pontevedra foi a única que se aprobou en toda Galicia, converténdose na cuarta que recibiu máis puntuación, a tan só un punto do proxecto que levou máis puntos.
O plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se concedeu subvención abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados, é dicir, máis da metade dos que se pretenden recuperar. Con esta actuación lograríase avanzar na creación dun corredoiro ecolóxico en plena cidade, permitindo conectar o ecosistema natural do río dos Gafos, no seu treito periurbano (recoñecido como Espazo Natural de Interese Local), co tramo descuberto existente antes da desembocadura na ría de Pontevedra (para o que tamén hai xa en marcha unha intervención de rexeneración ambiental cun investimento de 600.000 euros).
O Ministerio para a Transición Ecolóxica marcou como prazo para poder executar todos estes proxectos o mes de xullo de 2025.


