O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron esta mañá no Concello de Pontevedra aos deportistas do Club Aromon Montañeiros A Roelo Xavi Carballo Varela, subcampión de España de Escalada Deportiva, e Xián Novoa Gutiérrez, Campión da Copa de España de Carreiras por Montaña, que asistiron acompañados do vicepresidente do equipo, Manuel Beloso, e a súa vogal de Escalada, Águeda Gutiérrez, así como de pais e nais do club. Tanto Lores como Fernández destacaron os formidables resultados acadados esta tempada polo Aromon en diferentes disciplinas, xa que ás fazañas protagonizadas por estes rapaces hai que salientar tamén as do seu compañeiro Mateo Rodríguez Díaz, que se proclamou subcampión de España de Orientación Deportiva a Pé en distancias Media e Sprint (que non puido asistir por coincidirlle cun exame).
Ademais de felicitalos por axudar a difundir o nome da nosa cidade nunha modalidade deportiva que ten cada vez máis adeptos, o alcalde e o concelleiro de Deportes tamén lles fixeron entrega dun exclusivo agasallo consistente nun pendrive da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde.






