O Concello prepara as xornadas de portas abertas do xardín de Santa Clara desta fin de semana

Tamén organiza para mañá unha visita institucional de toda as institucións da cidade así como das asociacións culturais de Pontevedra.

Xaquín Moreda destacou que o Goberno está “moi contento porque fosen os veciños de Santa Clara os primeiros que entraron a visitar o convento”.

O Concello de Pontevedra organiza mañá pola mañá unha visita institucional ao convento de Santa Clara no que foron convidados todos os representantes institucionais da cidade e tamén do Goberno galego (Vicepresidencia e Consellería de Cultura, aínda que a primeira xa declinou o convite). Será ás 10.00 horas e será guiada tanto polo interior do edificio como na zona verde.

O concelleiro de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda afirmou que están confirmadas arredor de 33 persoas entre elas parlamentarios galegos, a presidenta do Consello da Cultura Galega, o director do Museo… “o que confirma o interese que esperta Santa Clara na cidade”.

A continuación, ás 12.00 horas, está prevista unha visita para as entidades e asociacións culturais nas que tamén están confirmadas entidades como o Liceo Casino, o Casino Mercantil ou Pousos de area. Tamén será unha visita guiada.

Ademais, a Concellaría de Patrimonio Histórico está a organizar as xornadas de portas abertas á zona verde do convento de Santa Clara previstas para o sábado e o domingo. Serán de acceso libre e de balde. O horario será de 10.00 a 18.00 horas en horario continuado. 

Todo o percorrido estará sinalizado para maior seguridade pola Covid e o recinto terá unha capacidade de 250 persoas, que se corresponden a uns 40 metros cadrados para cada visitante.

Xaquín Moreda tamén fixo balance da primeira visita organizada ao Convento de Santa Clara. Foi a dos veciños do barrio onte pola tarde. Estiveron arredor de 400 persoas aínda que na visita ao interior participaron unhas 200.

“Estamos moi contentos porque os veciños de Santa Clara foran os primeiros en entrar porque estaban desexosos de visitar ese espazo misterioso para eles”, explicou o concelleiro quen resaltou que “tiñan moita curiosidade e fixeron moitas preguntas”.

Compartir publicación: