Os campionatos mundiais de Loitas Olímpicas e de Grappling traerán en outubro de 2022 a Pontevedra a máis de 1.500 deportistas e técnicos

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá o encontro de constitución do comité organizador do Campionato Mundial U-23 de Loitas Olímpicas e dos campionatos mundiais U-17 e U-20 de Grappling, que a nosa cidade albergará en outubro do vindeiro ano. A reunión estivo presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e mailo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e nela participaron o presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas (Feloda), Francisco Javier Iglesias; o presidente da Federación Galega de Loita (Fegaloita), José Luis Olazábal; o director deportivo da Fegaloita e das competicións, Pablo Pintos; o adestrador da Fegaloita Alexander Kachelaev; o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), Jesús López; o coordinador do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, e o técnico municipal David Pérez Araújo.


O encontro serviu, ademais de para establecer os nomes dos membros do comité organizador, para dar a coñecer a imaxe e logotipos destes mundiais, incluíndo un díptico con información sobre a experiencia previa de Pontevedra na organización de eventos internacionais de tríatlon, balonmán e loita, as instalacións do Pavillón Municipal dos Deportes, os aeroportos veciños, a oferta hoteleira, o Camiño de Santiago e a nosa cultura, gastronomía e praias. O comité organizador quedará conformado polo alcalde; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa; os presidentes das federacións española e galega e Loita; un representante da Federación Internacional de Loita, Pedro Amoedo; o director das competicións, Pablo Pintos, e Alexander Kachelaev, como enlace coa Federación Internacional.


Na comparecencia posterior ao encontro, na que tamén participou José Ramón Lete, o presidente da Federación Española de Loita lembrou que, á marxe do Campionato Mundial de Loitas Olímpicas U-23 que terá lugar entre os días 17 e 23 de outubro de 2022, “Pontevedra tamén acollerá nos tres días previos os campionatos mundiais U-17 e U-20 de Grappling, que é unha loita que está a evolucionar moi rápido e na que España é unha potencia a nivel internacional”. Francisco Javier Iglesias indicou que nos últimos campionatos mundiais participaron uns 60 países, polo que se agarda “a presenza na cidade dunhas 1.500 persoas durante dez días, só do que serían competidores e adestradores”. 


O concelleiro de Deportes agradeceulles a ámbalas federacións “o esforzo por escoller a Pontevedra como sede, non só destes campionatos mundiais, senón tamén do Mundial Júnior de 2024”, e subliñou que o Concello traballa “non pensando en eventos illados, senón en proxectos globais, que permitan ter unha continuidade no tempo e fomentar o deporte na nosa cidade”. “A loita en Pontevedra ten unha representación importante, con loitadores e loitadoras de primeiro nivel e ese eido é moi importante para nós. Tamén nos importa a parte que supón de reforzo da actividade económica, con máis de 1.500 persoas durante dez días, que suporán unha inxección moi significativa. Hai que agradecer ademais a colaboración da Xunta, porque cando as administracións nos entendemos as cousas resultan moi sinxelas e pódense organizar máis eventos”, asegurou Tino Fernández.


O secretario xeral para o Deporte fixo fincapé no peso que a loita olímpica ten no CGTD de Pontevedra, “onde é unha das modalidades cunha maior tradición, con 15 bolseiros nestes momentos e unha continuidade na preparación das tres especialidades: grecorromana, olímpica e feminina”. José Ramón Lete destacou as “enormes dificultades” ás que ámbalas federacións souberon sobrepoñerse para organizar eventos e continuar os adestramentos “nun deporte, xa non de contacto, senón con contacto intenso”. “Hai que transmitirlle á United World Wrestling (UWW) que Galicia e Pontevedra somos un referente -afirmou Lete- e que temos capacidade suficiente para organizar con éxito campionatos internacionais, como é o caso do tríatlon”.


Miguel Anxo Fernández Lores subliñou que “os eventos deportivos internacionais son moi positivos por moitas razóns, pero esencialmente porque posicionan internacionalmente á cidade, e neste caso á provincia e a Galicia tamén, e porque vemos deporte de alto nivel, o que xera escola e apetencia por facer ese deporte”. “Quero resaltar o labor do Servizo Municipal de Deportes, que nos permite que non nos poñamos límites, xa que sabemos da súa capacidade de traballo… Cando se nos concedeu a final das Series Mundiais de Tríatlon ningunha federación tivo a máis mínima dúbida: non houbo ningunha discrepancia, todo o mundo quería vir a Pontevedra, pola nosa capacidade de organización, pero tamén porque somos unha cidade e un país atractivos e acolledores, onde se come moi ben, existe un desfrute do espazo público, hai moitas actividades paralelas e a xente se sinte a gusto. Por iso non nos poñemos límites. No ano 2024 teremos un novo Campionato do Mundo Júnior que ten incluso máis tradición que o sub-23 e optaremos a seguir organizando eventos semellantes no ano 2025 e seguintes”, apuntou o alcalde.

Compartir publicación: