Relatores de prestixio internacional protagonizarán charlas online para axudar aos pontevedreses a desenvolver a intelixencia emocional, o liderazgo e a fortaleza mental a través do proxecto ‘Inspiradores’

Trala boa acollida do congreso de desenvolvemento persoal ‘Ponte a punto’, a Concellería de Promoción Económica e Turismo e as empresas locais Docensa e ADN Ges Pro volven colaborar para poñer en marcha ‘Inspiradores’, un novo proxecto en formato online que, nun contexto de cambios veloces e incerteza, pretende axudar a profesionais de diferentes ámbitos e á cidadanía en xeral a evolucionar en aspectos como a intelixencia emocional, o liderazgo e a fortaleza mental. Así, durante unha semana ao mes, ao longo dos vindeiros meses, realizarase unha presentación de relatores ‘inspiradores’ que, de xeito moi próximo e en directo (mediante a plataforma Zoom) impartirán charlas sobre áreas que actualmente resultan impresecindibles para o desenvolvemento persoal e profesional.


A estrea do proxecto terá lugar esta semana, entre os días 13 e 17 de decembro, en horario de 15:30 a 16:00 horas, cun elenco de relatores de enorme prestixio a nivel nacional e internacional, como son a escritora motivacional Adriana Macías, a mentora e formadora de alto rendemento Catalina Davis, o coach Javier Iriondo, o consultor estratéxico Fernando Salinero e a famosa psicóloga Silvia Congost. As inscricións nestas conferencias teñen un carácter totalmente de balde, a través da web www.inspiradores.net.


Tal e como subliña a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “estamos inmersos nun dos momentos da historia recente máis imprevisibles, cunha incerteza que nos fai vivir en estado de alerta e de tensión, e tódolos expertos coinciden na necesidade de aprender e de evolucionar no aspecto persoal, a intelixencia emocional, o liderazgo e a fortaleza mental como claves para xestionar mellor as nosas emocións”. “A velocidade do cambio e a incerteza aféctanos internamente e poden causar estragos entre as persoas e empresas que non as saiban xestionar. Cada vez son máis as empresas e institucións que apostan por dar formación e crear eventos que acheguen coñecementos e inspiración para acadar un maior grado de benestar interior e ser máis produtivos… Con eses obxectivos poñemos en marcha ‘Inspiradores’ da man do equipo co que levamos 10 anos organizando o congreso Ponte a punto”, sinala a edil do PSOE.


Segundo apunta o responsable de Docensa, José Luis Bouzas, “baseándonos precisamente na experiencia acumulada ao longo desta última década, queremos levar a cabo unha proposta máis ambiciosa e permanente, que en lugar de plasmarse nunha cita anual, vaia máis aló e se artelle mediante unha plataforma que achegue pílulas inspiradoras de xeito constante”. 


O programa inaugural de ‘Inspiradores’ será o seguinte:

 LUNS 13 DE DECEMBRO:

ADRIANA MACÍAS

Adriana Macías é un claro exemplo de superación a seguir por mozos, nenos ou adultos. Conferenciante e escritora motivacional que inspira globalmente a través de sesións cautivadoras, convidando a calquera tipo de público a recoñecer e proporse desafíos. Esta muller incriblemente forte e inspiradora, que naceu sen ámbolos brazos, desenvolveu distintas ferramentas para mellorar a súa calidade de vida e adícase a compartilas coa xente, buscando deixar unha pegada positiva no mundo. Mediante a disciplina e o compromiso consigo mesma e conservando sempre o optimismo e bo humor, logrou desenvolverse persoal e profesionalmente.


Graduada en Dereito, especializada na Administración de Recursos Humanos e con estudos de Psicoloxía, comezou a súa viaxe como oradora hai máis de 21 anos, sendo unha das primeiras mulleres conferenciantes de México e gañando diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de la Mujer por Canadem 2013 e o Premio Mujer Extraordinaria 2010. A súa maior inspiración é a súa filla, que a motiva a ser un exemplo de liderazgo, creatividade e éxito. 


Autora dos libros Abrazar el Éxito, La Fuerza de un Guerrero, Prometo Amarme y respetarme todos los días de mi vida e Enamórate de ti; ámate, reencuéntrate y vuelve a empezar.

MARTES 14 DE DECEMBRO: 

CATALINA DAVIS

Catalina Davis é conferenciante internacional, coach, mentora e formadora de alto rendemento recoñecida a nivel internacional. Polos seus seminarios e conferencias teñen pasado máis de 35.000 persoas. Docente en másteres nas universidades de Valencia e La Florida, é Mentora Honoris Causa na Red Global de Mentores e ademais colabora de xeito habitual en prensa, radio e televisión.


Foi mestra de cerimonias para grandes mentores como Jurgen Klaric e pisou escenarios tan prestixiosos como o Ministerio de Presidencia da Moncloa. Na súa carreira destacan galardóns de organizacións tan importantes como Wizo, Rotary Club e Coaniquem. Asemade, é Académica Internacional das Ciencias, a Educación, a Tecnoloxía e as Humanidades.

MÉRCORES 15 DE DECEMBRO:


JAVIER ORIONDO


Javier Iriondo é un dos relatores máis aclamados na actualidade, con infinidade de conferencias realizadas en máis de 10 países sobre superación e fortaleza mental, desenvolvemento persoal e liderazgo. Oriondo foi deportista profesional en USA, ademais dun empresario con dilatada experiencia profesional en distintas áreas de negocio.


É autor de catro libros de grande éxito, destacando o seu recoñecido beste seller ‘Donde tus sueños te lleven’, con máis de 30 edicións e unha obra recomendada en tódolos ámbitos que transformou a vida de milleiros de persoas. Tamén é formador e coach de intervención estratéxica, especializado na resolución de conflictos emocionais. Pero, ante todo, son a súa traxectoria vital e as súas contrastadas experiencias persoais, as que ofrecen un grande valor engadido nas súas intervencións. 


XOVES 16 DE DECEMBRO: 

FERNANDO SALINERO


Licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca, todo o seu labor profesional desenvolveuse no mundo da empresa. Consultor estratéxico para empresas, especializado na construción e o desenvolvemento de proxectos, así como na comunicación e mellora comercial dos mesmos. Formou e dirixiu numerosos equipos comerciais, destinando os últimos anos da súa carreira á formación de directivos, empresarios e equipos de venda, a través de seminarios e talleres e colaborando dentro das empresas.

Socio fundador da Escola Profesional da Venda, do Instituto de Desenvolvemento Pyme e da Consultora Utopía Leonardo, e autor dos libros ‘La casa al revés’, ‘Por qué fracasan las empresas’, ‘No es una crisis, es un cambio estructural’, ‘Qué leches es el Estado del Bienestar’, ‘Story Coaching’ e ‘La Senda del Tigre’.


Conferenciante recoñecido en todo o territorio nacional, as súas charlas caracterízanse polos seus contidos de grande utilidade, con inspiración motivadora e grande sentido do humor. É ademais tertuliano habitual de varios programas de radio e TV. 


VENRES 17 DE DECEMBRO:


SILVIA CONGOST


Silvia Congost é unha experta psicóloga e un referente nacional en autoestima, dependencia emocional e conflictos de parella. Conferenciante, autora de 9 libros de éxito e unha líder inspiracional en redes sociais e medios de comunicación. Ten 20 anos de experiencia profesional no ámbito da psicoloxía e conta con centros propios en Barcelona, Xirona e Madrid, ademais de realizar terapia online con pacientes de todo o mundo, axudando co seu equipo a milleiros de persoas a reforza-la autoestima, liberarse de relacións tóxicas e apostar pola vida que realmente soñan, grazas ao seu propio e exclusivo método.


Con grandes habilidades comunicativas, Congost crea impacto como conferenciante cun descurso directo e moi elaborado sobre temas vencellados coa autoestima, as emocións, o amor, a dependencia emocional, as relacións tóxicas e a soidade. Asemade, realiza talleres multitudinarios de crecemento persoal moi transformadores, cursos presenciais e online, seminarios e formacións para profesionais.


Apaixaonada da escritura, publicou nove libros: ‘La voz de mis alas’ (2020), ‘Cuando amar demasiado es depender’ (17 edicións), ‘Autoestima automática’ (13 edicións), ‘A Solas’ (8 edicións), ‘Si duele, no es amor’ (5 edicións), ‘La llave de las emociones’, ‘Cien días con Silvia’, ’10 maneras de cargarte tu relación de pareja’ e ‘Confinados: a solas o en compañía’. A súa mensaxe clara e motivacional calou entre os seus fieis lectores.

Silvia Congost tamén se atreveu co teatro e é coprotagonista e coautora do binólogo ’10 maneras de cargarte tu relación de pareja’, xunto coa también psicóloga Patricia Ramírez, co que xa percorreron e fixeron ‘sold out’ nalgúns dos teatros máis importantes de España.

Compartir publicación: