A reparación farase mañá dende as 09.15 ás 19.00 horas, e con esta actuación concluirá a reparación desta parte da vía que estaba repisada pola rotura da anterior canalización que era de aceiro.
O Concello de Pontevedra realizará mañá o asfaltado da rúa Xosé Malvar para rematar as obras de reposición do tubo de formigón armado que canaliza o regato de Valdecorvos. Os traballos executaranse pasada a rotonda que conecta a rúa co barrio de Valdecorvos, baixo a ponte do ferrocarril.
O fresado e asfaltado realizarase a partir das 09.15 horas, logo da entrada dos escolares aos centros de ensino, e as 19.00 horas. No caso de que a reparación estea rematada antes, abrirase a rúa.
O dispositivo de tráfico planificado pola Policía Local permitirá circular por Xosé Malvar en dirección ao centro da cidade, pero os tráficos de saída (cara a ponte dos Tirantes) serán desviados por Loureiro Crespo, Casimiro Gómez, Camiño Vello de Castela e a parte final de Xosé Malvar.
A reparación da canalización do regato de Valdecorvos realizouse no mes de outubro e consistiu na substitución do tubo de aceiro que canalizaba o regato, baixo o carril de subida de Xosé Malvar por un tubo de formigón armado. Esta tubaxe atravesa a rúa de beirarrúa a beirarrúa, afectando aos dous carrís de circulación. Durante os traballos chegáronse a facer gabias de máis de 10 metros de profundidade.
O custe da obra foi de 106.000 euros.