A Concellería de Educación, que dirixe o socialista Tino Fernández, comezará a impartir este martes 1 de febreiro os obradoiros de Ciencia en Familia da ‘IX Feira da Miniciencia de Pontevedra: Pontenciencia 2022’. Deste xeito, ao igual que en anteriores edicións, convídase ás familias de alumnos de Primaria que participen este ano na feira, cuxa celebración está prevista para o venres 27 e o sábado 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal, a inscribirse totalmente de balde a través do email info@equilaterodsc.com ou do teléfono 606 128 293 nestes obradoiros de método científico.
As datas e horarios concretos dos talleres de Ciencia en Familia son os seguintes:
-Martes 1 de febreiro ás 17:30 horas.
-Sábado 5 de febreiro ás 10:30 horas.
-Sábado 5 de febreiro ás 12:00 horas.
-Mércores 9 de febreiro ás 17:00 horas.
-Xoves 17 de febreiro ás 17:00 horas.
-Sábado 19 de febreiro ás 10:30 horas.
-Sábado 19 de febreiro as 12:00 horas.
O concelleiro Tino Fernández lembra que nesta primeira fase de Pontenciencia, o proxecto impulsado en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e o Ministerio de Ciencia e Innovación (dentro da convocatoria de axudas para a promoción da cultura científica, tecnolóxica e da innovación), estanse a desenvolver dous tipos de obradoiros: os destinados a escolares de 5º e 6º curso de Educación Primaria que participan no programa cos seus centros educativos, que se realizarán dentro da aula en horario lectivo; e os orientados ás familias que queiran tomar parte en Pontenciencia cos seus fillos/as de Primaria (7-12 anos), convocados a través das Anpa. A finalidade destes talleres é explicarlles a pais e alumnos como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables, así como facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal doutros proxectos.
“Pontenciencia pretende ensinar a pensar e fomentar mentes curiosas e exploradoras a través da investigación -sinala o tenente de alcalde-, e sen dúbida, a implicación das familias con estes obradoiros de Ciencia en Familia é unha das pedras angulares deste proxecto. Como aliciente, unha vez máis haberá premios para tódolos participantes”.
Os obxectivos do programa da Concellería de Educación contribúen amplamente ao cumprimento dos marcados no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, e especificamente, no que se refire ao seu Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade (que promove a procura de ideas, coñecementos e tecnoloxías novidosas), confluíndo neste proxecto o sector da investigación pública e privada cos participantes máis novos e o público en xeral. Así, Pontenciencia contribúe a fomentar a cultura científica e a xerar bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos e nas participantes directos (alumnado, profesorado, familiares, etc.) e, dun modo xeral, no público asistente ou virtual.
Entre os seus obxectivos secundarios atópanse os de:
- Achegar a actividade investigadora e a ciencia á sociedade, contribuíndo a crear unha relación máis directa entre os investigadores, as empresas colaboradoras e o público en xeral non relacionado directamente coa actividade investigadora. Participan no mesmo investigadores e docentes universitarios, centros de investigación, CSIC e docentes de centros integrados de Formación Profesional (tódolos membros do Comité Científico) e empresas colaboradoras con actividade en I+D+i, xunto cos docentes, alumnos e familiares de Educación Primaria e Secundaria.
- Promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos e ambientais: foméntase o esforzo dos membros do Comité Científico á hora de comunicar propostas atractivas aos participantes e, ao mesmo tempo, que os participantes traballen en investigacións que logo han de valorar.
- Despertar a curiosidade e o interese científico a través da participación cidadá: coas propostas que se emiten, cunha metodoloxía asequible e atractiva, a formación en método científico e a presentación dos traballos na feira, trabállase para alcanzar o obxectivo.
- Visibilizar a ciencia entre a mocidade e o público en xeral, o que se acada coa metodoloxía de traballo do proxecto. O feito de que se realice como formato de traballo unha feira de investigación, fai que tódolos participantes directos poidan expoñer os seus traballos a tódolos asistentes, coñezan as experiencias realizadas por outros centros e tamén as realizadas polas familias. Ademais, a divulgación e comunicación efectuada polos medios de comunicación contribúe a maximizar o esforzo realizado (o impacto do proxecto no que atinxe a participantes e presenza nos medios incrementouse notablemente ao longo das edicións).