- Os talleres darán comezo o 2 de febreiro e xa contan con nove colexios anotados: os CEIP Marcón, San Martiño, Santo André de Xeve, A Xunqueira II, Ponte Sampaio, Froebel e San Benito de Lérez, o IES Montecelo e o CPR Sagrado Corazón
- O obxectivo é fomentar a cultura científica na comunidade educativa e explicarlles a pais e alumnos como realizar unha investigación e os protocolos para obter resultados confiables e reproducibles
A Concellería de Educación porá en marcha o vindeiro mércores 2 de febreiro nos CEIP de Marcón e San Martiño (Salcedo) os Obradoiros de Formación en Método Científico cos que se inaugurará o programa de actividades deseñado no marco da ‘IX Feira da Miniciencia de Pontevedra: Pontenciencia 2022’, cuxa celebración está prevista para o venres 27 e o sábado 28 de maio na Escola de Enxeñería Forestal. Un ano máis, o proxecto impulsado polo departamento que dirixe o socialista Tino Fernández en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e o Ministerio de Ciencia e Innovación, dentro da convocatoria de axudas para a promoción da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, pretende ensinar a pensar e fomentar mentes curiosas, exploradoras e comunicativas a través da investigación.
Segundo avanza o tenente de alcalde e edil de Educación, “nesta primeira fase desenvolveranse dous tipos de talleres: os destinados a escolares de 5º e 6º curso de Educación Primaria que participan no programa cos seus centros educativos, que se realizarán dentro da aula en horario lectivo; e os orientados ás familias que queiran tomar parte en Pontenciencia cos seus fillos/as de Primaria (7-12 anos), convocados a través das Anpa en horario de tarde”. “Organizarase unha sesión de Formación en Método Científico por clase participante de 5º ou 6º curso -explica Tino Fernández- e cada unha delas terá unha duración de 50 minutos. Nelas poderán aprender unha metodoloxía de investigación aplicable a calquera ámbito social, económico ou ambiental”.
A finalidade destes obradoiros é explicarlles a pais e alumnos como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, pretenden facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal de outros proxectos.
Ata o momento xa reservaron data para a impartición destes talleres sete colexios do municipio: ademais dos CEIP de Marcón e San Martiño (mércores 2 de febreiro), os de Santo André de Xeve (venres 4 de febreiro), A Xunqueira II (martes 8 de febreiro), Plurilingüe Froebel (luns 14 de febreiro), Ponte Sampaio (luns 14 de febreiro) e Plurilingüe San Benito de Lérez (mércores 16 de febreiro); o IES Montecelo (venres 4 de febreiro), e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (xoves 10 de febreiro).
Tal e como subliña Tino Fernández, “Pontenciencia continúa a ser, a pesar da pandemia, un dos programas estrela da Concellería de Educación, ao contribuír a fomentar a cultura científica e a xerar bases para un futuro liderado científico e tecnolóxico nos e nas participantes directos (alumnado, profesorado, familiares, etc.) e, dun modo xeral, no público asistente ou virtual”. “Os obxectivos de Pontenciencia -apunta o edil do PSOE- contribúen amplamente ao cumprimento dos marcados no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, e especificamente, no que se refire ao seu Programa Estatal de I+D+i Orientado aos Retos da Sociedade (que promove a procura de ideas, coñecementos e tecnoloxías novidosas), conflúen neste proxecto o sector da investigación pública e privada cos participantes máis novos e o público en xeral”.
Entre os seus obxectivos secundarios atópanse:
- Achegar a actividade investigadora e a ciencia á sociedade, contribuíndo a crear unha relación máis directa entre os investigadores, as empresas colaboradoras e o público en xeral non relacionado directamente coa actividade investigadora. Participan no mesmo investigadores e docentes universitarios, centros de investigación, CSIC e docentes de centros integrados de Formación Profesional (tódolos membros do Comité Científico) e empresas colaboradoras con actividade en I+D+i, xunto cos docentes, alumnos e familiares de Educación Primaria e Secundaria.
- Promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos e ambientais: foméntase o esforzo dos membros do Comité Científico á hora de comunicar propostas atractivas aos participantes e, ao mesmo tempo, que os participantes traballen en investigacións que logo han de valorar.
- Despertar a curiosidade e o interese científico a través da participación cidadá: coas propostas que se emiten, cunha metodoloxía asequible e atractiva, a formación en método científico e a presentación dos traballos na feira, trabállase para alcanzar o obxectivo.
- Visibilizar a ciencia entre a mocidade e o público en xeral, o que se acada coa metodoloxía de traballo do proxecto. O feito de que se realice como formato de traballo unha feira de investigación, fai que tódolos participantes directos poidan expoñer os seus traballos a tódolos asistentes, coñezan as experiencias realizadas por outros centros e tamén as realizadas polas familias. Ademais, a divulgación e comunicación efectuada polos medios de comunicación contribúe a maximizar o esforzo realizado (o impacto do proxecto no que atinxe a participantes e presenza nos medios incrementouse notablemente ao longo das edicións).

