Aínda que a recepción de propostas ía pecharse inicialmente o 28 de febreiro, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, decidiu ampliar outras dúas semanas, até o 14 de marzo, o prazo para que todos aqueles profesionais e emprendedores interesados poidan presentar as súas iniciativas á aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos Capital Gastro Lab (impulsada baixo o paraugas de Pontevedra Capital Gastro). As bases e os criterios que rexerán o proceso de selección, que se desenvolverá ao longo deste ano en catro fases diferenciadas máis unha final, poden consultarse na páxina web do Concello de Pontevedra a través do seguinte enlace https://www.pontevedra.gal/capital-gastrolab/.
Os proxectos deberán ser presentados exclusivamente a través do formulario que se atopa na web municipal (https://forms.gle/FdWEwQ8qKcCykEjE6), en pdf, cun máximo de 5 páxinas en letra Arial e de tamaño 11 e facendo constar os seguintes epígrafes: presentación e breve descrición; idea xeral; obxectivos; estrutura ou reestruturación de negocio e cronograma. Cubrindo esta solicitude aceptaranse as bases e as súas obrigas como participante.
A puntuación dos proxectos levarase a cabo atendendo aos criterios de impacto na cidade (emprego, economía local…), responsabilidade social, viabilidade, sostibilidade, innovación, dixitalización, redacción técnica da proposta e implicación da empresa/persoa física.
Nunha segunda fase, a organización estudará e puntuará os proxectos presentados, podendo requirir documentación complementaria. Os proxectos preseleccionados serán defendidos ante o comité de expertos, seleccionándose 6 finalistas. A madriña da iniciativa, a reputada divulgadora gastronómica Eva Ballarín impartirá unha sesión individual de mentoría de 30 minutos para os finalistas, co obxectivo de encauzar a visión estratéxica dos seus proxectos.
O Capital Gastro Lab supón a vertente máis profesional da marca gastronómica de Pontevedra, tanto polo seu público obxectivo como pola súa execución.