A nova Guía de Aves do Enil da Xunqueira de Alba editada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible recolle 12 especies máis que a publicada en 2010

  • Trátase dunha edición da Guía de Aves moito máis completa que a anterior, que ten 143 páxinas (56 máis que a primeira) e que contén fichas de 75 especies (19 fichas máis que na primeira) e 131 fotografías (57 máis que na primeira)
  • Entre as novas variedades detectadas durante os últimos anos no espazo natural protexido inclúense diversas especies de garza e de pato, varios cirrios pálidos (migradores transaharianos) e mesmo un pelícano crespo procedente de Francia

O Concello de Pontevedra publicou en 2010 unha Guía de Aves da Xunqueira de Alba na que se situaba en 133 o número de especies diferentes observadas neste contorno medioambiental. Once anos despois (a edición é de 2021), a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, edita unha segunda Guía deste Espazo Natural de Interese Local (Enil) que eleva esa cifra ata as 145 variedades, é dicir, con 12 novas especies rexistradas neste período e que non se tiñan detectado nunca antes: entre eles diversos exemplares de garzas e de patos, varios cirrios pálidos (migradores transaharianos) e mesmo un pelícano avistado en 2017, que decidiu protagonizar unha escapada desde Francia e que se deixou ver por diferentes puntos da xeografía galega antes de que se lle perdera o rastro en Portugal.

Trátase dunha edición da Guía de Aves moito máis completa que a anterior, que ten 143 páxinas (56 máis que a primeira) e que contén fichas de 75 especies (19 fichas máis que na primeira) e 131 fotografías (57 máis que na primeira). Ademais, como novidade, inclúese ao final do libro un índice visual con pequenas fotos de tódalas especies que aparecen, facendo que atopalas resulte máis sinxelo para o lector.

A guía foi presentada esta mañá nun acto que tivo lugar no Concello de Pontevedra e no que participaron o seu autor, o biólogo Vítor Xosé Cabaleiro, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen salientou que “Pontevedra, referente do turismo sostible e da aposta polo medio ambiente e os espazos verdes como eixos centrais do seu proxecto de cidade, ten na Xunqueira de Alba un dos seus tesouros medioambientais”. 

“Trátase dun espazo longamente agredido, no que o Concello está a traballar para manter a riqueza vexetal, biolóxica e paisaxística que posúe e, sobre todo, para rexenerar a zona húmida e devolvela a un estado que se aproxime ao que tiña a Xunqueira orixinal”, sinalou o edil socialista.

Na súa opinión, “á marxe da intervención directa no terreo, o labor de divulgación e sensibilización da poboación sobre a enorme riqueza natural deste espazo, situado ás portas do centro urbano, xoga un papel esencial”. “Neste eido, a Concellería de Desenvolvemento Sostible editou diversos materiais, como un estudo de flora, unha guía de bolboretas ou esta Guía de Aves do Enil da Xunqueira de Alba, que eleva de 133 ata as 145 o número total de variedades observadas neste espazo natural protexido”. 

Zona de alimentación para especies migradoras transaharianas

Ata 26 especies migradoras transaharianas, é dicir, que invernan en África, ao sur do deserto do Sáhara, chegan en primavera a criar en Europa, facendo desta xunqueira a súa parada para descansar e alimentarse rumbo ao centro ou norte do noso continente. Entre elas, unha nova especie para Enil como é o cirrio pálido (Apus pallidus), que é detectada por primeira vez en Pontevedra en 2014, confirmándose a súa cría na cidade en 2015. O 19 de xuño de 2020 obsérvase un exemplar cando se alimentaba con ducias de cirrios comúns (Apus apus) e o 9 de xullo dese mesmo ano son vistos outros tres. “Ao igual que o Apus apus, empregan o Enil como zona de alimentación e para beber”, explica Vítor Cabaleiro.

Un dos achados máis insólitos observados na Xunqueira de Alba tivo lugar arredor das 20:00 horas do 10 de outubro de 2017, cando un pelícano crespo procedente do encoro de Cecebre-Abegondo é visto chegando ao espazo protexido pontevedrés e, á primeira hora da mañá do día seguinte, tamén no río Lérez. “Relocalízase novamene entre o 25 e o 28 de setembro no encoro de Cecebre, o 29 de outubro sobrevoa Santiago, o 30 está en Cambados e o 31 en Bueu. Despois detéctano en Portugal uns días e desaparece o seu rastro. Temos datos que nos amosan que fora visto en setembro de 2017 en París, no río Loira, polo que seguramente decidiu facer unha escapada desde Francia (aínda que proceden do Leste de Europa, no país galo soen soltalos en parques urbanos con zonas húmidas grandes, onde crían), entrando en Galicia o 5 de outubro e avistándose ese día en Barreiros e Foz (Lugo) antes de dirixirse ao encoro de Cecebre-Abegondo”, apunta o experto en ornitoloxía e autor da Guía de Aves.

Entre as especies máis complicadas de detectar e peculiares que aparecen na Guía, Vítor Xosé Cabaleiro destacou “o picapeixe que aparece na portada do libro, que é unha ave moi pequeniña, cunhas cores moi rechamantes e que, unha vez que lle colles a pista, logo xa non se che perde”; as garzas, garcetas, corvos mariños, patos e galiñas de río que se deixan ver nas ribeiras do Rons e na lagoa do Burgo; e xa cando nos metemos un pouco máis na zona de xunqueira, as pombas torcaces (que tiveron un incremento excepcional nos últimos anos), con grupos de ata 50 ou 60 exemplares), os cirrios (centos deles aliméntanse no Enil cando hai concentracións de insectos)… “A especie máis escurridiza e rara de ver é a folosa acuática -indicou Cabaleiro-, que é a ave máis ameazada da Europa continental e que utiliza algunhas zonas húmidas da península para descansar na súa migración cara África. O único xeito de vela é poñer redes xaponesas e tentar atrapar algunha. Nos últimos anos non se detectou (desde 2012). É realmente unha xoia e unha das especies que levou á Xunta a tirar para adiante co Enil. É a especie estrela. Cun pouco de xestión podería volver aparecer”.

O biólogo tamén fixo fincapé nalgunha especie exótica invasora como o pico de coral (Estrilda astrild), que agora mesmo non compite con outros paxaros, e en especial o ganso do Nilo, “que aparece na desembocadura do Rons, que é bastante territorial, que lle dá bastante caña á fauna autóctona e que habería que erradicar”. “Nos Países Baixos e en Inglaterra posúen poboacións naturalizadas bastante grandes e pasan por problemas bastante grandes con esta especie”, matizou o ornitólogo.

Vítor Cabaleiro salientou que, nun contexto no que as poboacións de aves en Europa se atopan “en declive a nivel global”, con especies como a rula común “que continúa a cazarse e que está a desaparecer da Xunqueira”, os pontevedreses teñamos “o privilexio e o luxo de contar con 145 especies de ave ás portas da cidade”. Cabaleiro lembrou que o traballo científico que desenvolveu hai 11 anos para a confección da primeira guía divulgativa foi un dos aportes documentais que o Concello lle presentou á Xunta de Galicia para poder declarar a Xunqueira de Alba como Enil (baixo o impulso da concelleira socialista Celia Alonso), e afirmou que “unha vez que se revirtan as concesións e actividades que ocupan parte do ámbito e se recupere ese espazo, os paxaros o van agradecer moitísimo”. “O número de especies de ave que se avistan nunha comarca ou nunha cidade é un indicativo da calidade de vida, ao mesmo nivel que o son a taxa de paro ou o índice de lonxevidade. Para os europeos, que levan moitos anos observando aves, cantas máis aves hai, máis feliz é a xente”, afirmou o experto. 

Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible asegurou que “ao igual que a primeira guía serviu para a obter a declaración do Enil, agardamos que esta, actualizada, sexa tamén útil para respaldar eses pasos que queremos dar desde o Concello para recuperar ese espazo, aproveitando a saída do Parque de Maquinaria e da Imprenta da Deputación e outras actuacións que imos acometer para recuperar o humidal e gañar espazo na Xunqueira”. Iván Puentes subliñou que, á marxe de servir para planificar as accións de conservación impulsadas desde o Servizo de Medio Ambiente, esta Guía de Aves ten unha vocación divulgativa, polo que “vai ser distribuída a partir desta semana polos centros educativos do concello de Pontevedra, coa idea de que se os profesores queren organizar actividades neste espazo dispoñan xa deste libro para poder facelas; polas diferentes bibliotecas públicas e da Universidade da cidade, e por suposto, estará tamén no Concello a disposición de todos aqueles cidadáns que queiran ter un exemplar”. 

O edil socialista apuntou que os traballos de observación realizados por Vítor Cabaleiro “iniciáronse xusto cando estabamos confinados nas nosas casas no ano 2020 por mor da pandemia, o que lle deu a oportunidade de observar unha Xunqueira de Alba en estado natural, sen presenza humana en moitas semanas”.

Compartir publicación: