Aproveitando unha sesión de adestramento dos nenos e nenas do Club de Loita Pontevedra, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, achegouse esta mañá ata o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) para asistir a un Taller de Fomento de Hábitos de Vida Saudables destinado aos pais e nais dos rapaces. Estes obradoiros foron postos en marcha polo seu departamento no marco do programa municipal A Vida é Movernos e pretenden que os pais dos pequenos adquiran costumes que melloren o seu estilo de vida e, á súa vez servan de espello na formación deportiva e na saúde dos seus fillos. Fernández ten a intención de que se repitan aproveitando os adestramentos dos nenos en diferentes disciplinas.
Ademais, o concelleiro socialista tamén aproveitou a ocasión para desexarlle “moita coraxe, forza mental e sorte” á loitadora Lydia Pérez Touriño “para enfrontar os decisivos retos deportivos que ten por diante neste comezo de 2022”. A deportista pontevedresa está a piques de partir cara Suecia de concentración durante unha semana, do 8 ao 16 de febreiro, e posteriormente viaxará coa Selección Española ao Torneo Internacional ‘Dan Kolov’, que se celebrará en Bulgaria entre os días 17 e 20 deste mesmo mes.
“Tanto a concentración como a participación de Lydia nesta competición internacional forman parte do seu proceso de preparación para o Campionato de Europa de Loita que se celebrará en Budapest entre o 28 de marzo ao 6 de abril. Lydia é un motivo de orgullo para esta cidade e temos a premonición de que, nun 2022 no que Pontevedra albergará un Campionato do Mundo de Loita Sub-23 e outro de Grappling, este será o ano no que Lydia nos dará máis alegrías e no que protagonizará o seu salto de calidade máis importante”, asegurou o edil socialista.
