Os servizos técnicos iniciarán esta semana o envío da documenta que inclúe a proposta técnica e os criterios económicos a ter en conta para a adxudicación final
A actuación modificará toda a calzada que existe na actualidade, xerando un espazo público máis amábel para o peón e para o uso comercial e de ocio
O Concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, informou esta mañá da finalización do proxecto para a renovación da vía perimetral de Barcelos, que xa ten practicamente rematada a documentación que debe ser elaborada polos servizos técnicos para logo seguir os trámites de contratación. «Ao longo deste ano poderemos ir ofrecendo noticias a medida que avance este proxecto dentro das diferentes áreas administrativas», explicou o edil.
Gómez explica que na proposta técnica escrita queda establecido que un 75 % da adxudicación corresponderá a criterios económicos. Dese 75 %, un 50 % correspóndese coa oferta económica e, doutra parte, un 25 % serán as melloras, que só haberá unha: «o traslado do transformador do Colexio de Barcelos a súa nova localización na praza, que ten un custo de 122.000 euros de execución material». A obra terá un orzamento de 2.100.000 euros.
Logo, o outro 25 % da oferta, que tamén ten que ser medíbel, refírese ao control de calidade, un 10 %, e a seguridade durante a execución da obra, un 15 %. Neste último punto non entra só a seguridade dos propios traballadores, senón a tres elementos que deben estar claramente explicados na proposta: a seguridade dos peóns, o acceso ás vivendas e aos negocios e, ademais, un plan de mobilidade específico para as persoas con dificultades, como persoas maiores ou crianzas.
A obra terá un prazo de execución de 12 meses e mudará o aspecto de toda a calzada perimetral da praza de Barcelos.
O deseño da nova vía perimetral está concibido para a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, polo que se redeseñou toda a circulación. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do aparcadoiro soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.