Tamén se incluirá dentro do expediente outros nomes claramente vinculados ao réxime como Fermín Gutiérrez de Soto, Salvador Moreno Fernández, Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida ou Gonzalo Fernández de la Mora y Mon.
O Goberno Local levará a unha vindeira Comisión de Cultura a proposta de retirada do nome ao Marqués de Valterra (no barrio de Estribela) logo da reunión que mantivo a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, xunto a concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda e á concelleira de Patrimonio municipal, Carme da Silva, a pasada semana con entidades e persoas vinculadas á memoria histórica.
O propósito de aquel encontro, que se volverá a repetir proximamente, era continuar limpando os rueiros da cidade da pegada franquista e recuperar a dignidade, cun traballo de investigación man a man coas entidades de recuperación da memoria; e seguindo a liña de traballo que o goberno mantén dende hai dúas décadas.
Esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías informou que xa se tomou a decisión de retirar o nome a avenida Marqués de Valterra, e substituílo por outro aínda por concretar.
Anabel Gulías explicou que na acta do pleno do 30 de decembro de 1952 recóllese darlle nome de avenida Marqués de Valterra, en relación a Pascual Díaz de Rivera y Casares, responsable da política pesqueira do réxime, ao promover a construción dunha escola-comedor para os fillos dos mariñeiros.
Na reunión da pasada semana, tamén se acordou iniciar a revisión dos nomeamentos dos fillos adoptivos e predilectos do Concello de Pontevedra e as medallas de ouro e prata da cidade, co propósito de “borrar da memoria colectiva eses nomes”. A portavoz do Goberno xa adiantou que hai persoas ás que, claramente, se lle retirarán eses honores como o título de Fillo adoptivo a Salvador Moreno concedido o 23/5/1942; a Fermín Gutiérrez Soto, fillo adoptivo de Pontevedra dende o 22/6/1939 e medalla de ouro o 30/3/1960; a Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida recoñecido como Fillo adoptivo o 16/8/1967 ou Gonzalo Fernández de la Mora y Mon tamén Fillo adoptivo de Pontevedra recoñecido o 7/12/1972.
O Goberno adopta como directriz de traballo a vinculación estreita co réxime franquista e polo seu papel represor cos pontevedreses e pontevedresas.
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou que “teremos todo o coidado na elaboración do expediente” e agarda que esta decisión se faga “co maior consenso porque non creo que ningún membro da Corporación se opoña a retirar nomes que supoñen dolor, represión e dictadura”.