A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns da Xunta de Goberno celebrada á primeira hora. Entre as cuestións tratadas na sesión local, destacou a posta en marcha da tramitación da proposta de adxudicación para a renovación das instalacións do alumeado exterior das parroquias de Alba, Campañó e Cerponzóns; por un importe de 1.452.078,82 euros, recaendo os traballos na empresa Setga.
«É un investimento realmente importante, en consonancia coa aposta que este Concello ten e mantén pola mellora na eficiencia enerxética na iluminación pública. Levamos xa varios contratos deste estilo que permiten cumprir dous obxectivos: o medio ambiental e o económico, ao aforrar en ambos os dous sentidos», sinalou Gulías.
Este contrato súmase ao de outras parroquias que xa renovaron o seu alumeado e que, aos poucos, vén renovados e mellorados os seus sitemas e os seus puntos de luz. Neste caso terá un prazo de execución de seis meses.
Este proxecto está subvencionado nun 80% do programa operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) de crecemento sostible 2014-2020 para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. Esta axuda está xestionada no Goberno de España a través do IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía). A contía fnanciada é de 1.283.314,60 euros.
Segue o proceso de adxudicación aquí: