Desenvolvemento Sostible prosegue coas obras de mellora integral do parque da Alameda cunha poda das aliñacións de árbores, a optimización do pavimento e a eliminación de fochas na cabeceira norte e o reforzamento dos alcriques con achegas de terra

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, continúa adiante co seu proxecto de mellora integral do parque da Alameda e da súa contorna. Despois de executar unha serie de actuacións de posta en valor dos xardíns e o pavimento que rodea o monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a acometer nestes días labores de poda (mediante sistema de trepa) nas principais aliñacións de arborado, centrándose especialmente naquelas pólas que, en base ao estudo en profundidade sobre estado de saúde das árbores efectuado polo Concello, poden ter un maior risco de caída.


“Deste xeito -explica Iván Puentes-, trala tala dos exemplares que se atopaban en peor estado, esta poda permítenos optimizar as condicións de seguridade das árbores, para minimizar ao máximo as posibilidades de que se produzan caídas inesperadas, e ao mesmo tempo as condicións de sombra. Os traballos están a ser realizados por técnicos cualificados arboristas da empresa Arbogal, con tódalas medidas en materia de seguridade de trepa e os máis avanzados sistemas da arboricultura (as podas xa chegaron á cabeceira sur)”.

En paralelo, Desenvolvemento Sostible tamén prosegue coas obras de mellora do pavimento na metade norte da Alameda, retirando as zonas de herba e terróns e ‘bacheando’ cun xabre de primeira calidade os puntos nos que se xeran pozas de auga coa choiva. Tal e como sinala Iván Puentes, “ao mesmo tempo, para incidir aínda máis na solidez e estabilidade do arborado, estanse formando e reforzando os alcriques ao redor das árbores mediante achegas de terra no seu contorno, de xeito que se optimicen as condicións tanto de drenaxe como de aeración e de todo o sistema radicular das árbores para previr enfermidades e tratar de que estean en bo estado fitosanitario”.


Este conxunto de actuacións de poda e mellora do pavimento e do contorno das árbores da Alameda supón un investimento global duns 21.500 euros. Sempre en función das condicións climatolóxicas, prevese que estes traballos se estendan ao longo desta semana e da vindeira.

Compartir publicación: