O centro histórico estará libre de colectores co novo contrato de xestión de residuos municipais

Raimundo González explicou que o obxectivo é “salvagardar o centro histórico para goce de todos e todas” polo que os colectores colocaranse pola tarde en determinados espazos do centro histórico e volverán a retirarse pasadas unhas horas, logo de que os residentes depositen o lixo.

O novo contrato contempla a prestación do servizo durante 7 días á semana no ámbito urbano e periurbano, e 2-3 días á semana nos espazos con poboación diseminada.

Os investimentos superan os 23,2 millóns de euros entre os que se atopan toda a maquinaria e tamén a construción da planta de compostaxe. Todos os medios deberán renovarse aos 10 anos da posta en marcha do servizo. 

O concelleiro de xestión dos residuos municipais, Raimundo González, informou esta mañá que o novo contrato que xestiónará estes recursos municipais contempla unha singularidade ao respecto do centro histórico: non terá colectores fixos para a recollida de lixo. A proposta do Goberno local é optar polo sistema de colocación de colectores pola tarde -a hora está por determinar- en distintos puntos do centro histórico, e recollelos horas despois, logo de que os veciños e veciñas depositen o lixo.

Raimundo González explicou que o contrato deixará aberta a posibilidade ao licitador de estender este sistema aos contedores de reciclaxe. Na actualidade no centro histórico existe a recollida porta a porta de papel-cartón e vidro. A nova aposta mantén este servizo e ofrece ao licitador a posibilidade de que os colectores de reciclaxe, incluídos os envases, sexan de “quita e pon”. 

O Goberno “busca que non haxa colectores no centro histórico”. “Queremos salvagardar para uso de todos e todas o centro histórico. Este sistema é unha modificación substancial que encarece o servizo pero non estamos mirando o encarecemento senón adecuar o servizo en función da tipoloxía do espazo”, explicou Raimundo González.

O concelleiro Raimundo González desvelou esta singularidade do vindeiro contrato do lixo logo de que a Xunta de Goberno desta mañá aprobase o réxime xurídico do servizo e o Anteproxecto de explotación e o Plan de viabilidade do servizo.

Neste futuro contrato recóllese que o servizo de recollida de lixo prestarase 7 días á semana (incluíndo domingos e festivos) en todo o ámbito urbano e na periferia, e 2 ou 3 días á semana nos ámbitos de poboación diseminada.

Tamén contempla a renovación de grande parte dos medios materiais do servizo aos 10 anos da súa entrada en vigor: camións, lavabeirarrúas, colectores, maquinaria da planta de compostaxe… Explicou o concelleiro que a adxudicataria ten que comprar uns medios para a posta en marcha do servizo e aos 10 anos débense renovar “aínda que funcionen” porque así o regula o contrato. E de prorrogar o contrato logo de 20 anos, a parte destinada a investimentos non se lle abona.

O investimento do contrato ascende a 23.289.265,8 euros “de entrada”, matizaba o concelleiro porque a obriga de ter que renovar grande parte dos medios materiais aos 10 anos situará o investimento ao final do contrato en preto dos 40 millóns de euros. A maior parte do investimento é a referida a maquinaria como camións, lavabeirarrúas… e tamén van incluídos os 10.260.000 euros da planta de compostaxe.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o réxime xurídico que terá o servizo que se rexerá por unha concesión de servizo, é dicir, que o adxudicatario non terá unha retribución fixa senón que será variable (con beneficios ou penalizacións) en función de obxectivos: mellor ou peor reciclaxe, compostaxe, separación de residuos,…

Tamén aprobou o Anteproxecto de explotación e o Plan de viabilidade, un documento de 700 páxinas, que recolle os custes do servizo: salarios, medios, tratamento… e que garante a viabilidade do equilibrio económico da concesión.

Logo da aprobación desta mañá, a tramitación do novo contrato da xestión dos residuos municipais continúa adiante coa preparación cos pregos administrativos e técnicos e a súa posterior aprobación por parte da Xunta de Goberno, e a apertura do proceso de contratación. A licitación será por un valor de 10.702.093,53 euros.

O concelleiro Raimundo González volveu a confirmar que o incremento do custe do servizo (en catro millóns de euros ao respecto do prezo actual) non repercutirá no “peto dos pontevedreses e pontevedresas”, máis ben todo o contrario. Explicou que se poderían contemplar bonificacións no caso de que barrios ou parroquias estean a xerar menos lixo. Aínda que está opción non está contemplada dentro do contrato, Raimundo González si confirmou a vontade política do Goberno.

Compartir publicación: