Desenvolvemento Sostible finaliza o axardinamento e renovación paisaxística das zonas verdes existentes no contorno de San Amaro coa dotación de mobiliario para o descanso de maiores e usuarios do Cemiterio

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de rematar, mediante un axardinamento con planta vivaz e de flor e a plantación de árbores e arbustos como ligustros, hortensias, rododendros e especies tapizantes (hedras e agapantos), o proxecto de renovación paisaxística das zonas verdes e xardíns existentes entre o primeiro treito da estrada autonómica a Ponte Caldelas (PO-532) e o seu entronque coa avenida Virxinia Pereira. A intervención, na que o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes investiu 24.694,45 euros e que foi executada pola empresa Vértebra Ambiental SL, incluíu a instalación de mobiliario como bancos e conxuntos de cadeiras nas áreas próximas ás árbores, xerando así espazos de sombra e descanso para persoas maiores e usuarios do Cemiterio neste tramo de San Amaro.


As actuacións, realizadas en coordinación coa Xefatura Provincial de Tráfico da Xunta de Galicia, supuxeron o acondicionamento de tódolos xardíns no ámbito que discorre entre as rúas de San Amaro e Carrasqueira ata a rúa dos Cantos, incluíndo unha pequena área recreativa existente nesta linde da zona urbana. Segundo sinala Iván Puentes, “o resultado dos traballos acadou unha composición de xardinería acorde cos cánones de calidade paisaxística desenvolvidos noutros puntos da cidade”. “O barrio de San Amaro conta con diversas pezas de xardín e zona verde entre a avenida Virxinia Pereira, as rúas San Amaro e Carrasqueira e a linde da zona urbana na rúa dos Cantos. Trátase de espazos que se atopaban moi deteriorados polo paso do tempo e esta actuación permitiu mellorar o seu valor paisaxístico mediante a creación dunha óptima composición a nivel de xardinería e a dotación das instalacións de rega que facilitarán a súa conservación e o desenvolvemento dos valores estéticos propios dos parques modernos”, explica o edil do PSOE.

Ademais de axardinarse tamén un calexón cun noiro entre a avenida Virxinia Pereira e a rúa Maruxa Mallo, o proxecto contemplou a colocación de lousas prefabricadas de formigón para substituír as lousas levantadas e rotas no linde dos espazos de céspede e a implantación de 832 metros cadrados de céspede de gramíneas de uso ornamental-rústico. Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra formulouse unha proposta de plantación de arborado nas pezas de xardín, nas que se incorporaron especies coherentes coas existentes tanto a nivel de volumetría como de composición xeral.


As especies propostas para o contorno de San Amaro foron o cinamomo e o ligustro variegado, especies ámbalas dúas que se adaptan ben ás condicións climáticas e do solo, mentres que na zona da rúa Carrasqueira plantáronse bidueiros de varios troncos e na rúa dos Cantos, ligustros. O proxecto tamén se traduciu na colocación de malla antiherbas e posterior cubrición con cortiza de piñeiro tratada en tódolos macizos de planta arbustiva.


Asemade, instalouse un sistema de rego automatizado mediante o soterrado de tubarias e acondicionamento con sistema de rega por goteo, aspersión e difusión entre estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central. 

Compartir publicación: