Na semana máis intensa de actos conmemorativos e reivindicativos ao redor do 8M, Día Internacional da Muller, non podía faltar a homenaxe das concellerías de Igualdade e de Promoción Económica ás mulleres que enchen de vida cada día o Mercado de Abastos de Pontevedra. Un recoñecemento plasmado nun vídeo no que, baixo o hashtag #8Mmulleresdapraza, os departamentos que dirixe a socialista Yoya Blanco danlle voz ás praceiras, nais, fillas, compañeiras, clientas “e por enriba de todo, traballadoras imprescindibles ás que os pontevedreses lles debemos tantísimo”.
“Quero agradecerlles dun xeito moi especial a Eva, María, Loly, Ana Belén, Manoli, Pilar, Montse, Lorena e Clara por contarnos o duro que é o traballo dunha praceira, o difícil que é concilialo co labor de nai e o amor incondicional que senten polo que fan: traer ás nosas mesas os mellores produtos frescos do mundo. Unha actividade esencial pola quero darlles as grazas a tódalas praceiras, que nos dan sempre o mellor de si mesmas”, asegura a concelleira de Igualdade e de Promoción Económica, Yoya Blanco.
O vídeo xa pode desfrutarse na canle de Youtube do Concello de Pontevedra, a través do seguinte enlace:
https://youtu.be/plfSSSiw47s