O Ganapán máis creativo regresa esta fin de semana con talleres de creación de pandeiretas e unicornios de cores e obradoiros de elaboración de galletas recheas de caramelo e natillas de ‘chocohuete’

O programa municipal de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos, regresa esta fin de semana ao Gastroespazo na súa versión máis creativa e orixinal. As actividades que se desenvolverán no Espazo Crea nas xornadas do sábado 12 de marzo e o domingo 13 de marzo, pensadas para nenos e nenas de 4 a 10 anos, incluirán un taller de creación dun instrumento estendido na música folclórica galega e máis de moda que nunca grazas ás Tanxugueiras, a pandeireta, e outro de confección dun dos nosos animais fantásticos favoritos: uns unicornios de cores a base de rolos de papel e moito brilli-brilli.


No que atinxe aos obradoiros do Espazo Gastro, para o sábado 12 está prevista a elaboración dunha receita de crocantes galletas cheas de caramelos de cores que, ao fundirse, crean un fermoso efecto de vidreira. “Os máis lambóns teñen unha cita inescusable o domingo 13, no que os máis pequenos terán oportunidade de elaborar e degustar unhas natillas de ‘chocohuete’, unha receita cremosa con cacahuetes e chocolate que logra compracer aos padais máis esixentes. Unha combinación de sabores e textura intensa que dá gañas de repetir”, explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.


Haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles rapaces que queiran participar deberán inscribirse previamente no correo electrónico oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades. “Que ninguén esqueza a súa friameira -apunta Blanco- para poder levar a casa as receitas cociñadas”.

Compartir publicación: