En paralelo aos talleres que se están a desenvolver en diversos centros educativos de Pontevedra para coñecer as opinións dos alumnos de 8 a 12 anos sobre os aspectos abordados nas distintas Mesas de Traballo ou Lab’s, o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi), vén de convocar a tódolos colectivos e asociacións vencellados á infancia con discapacidade a unha sesión específica para que aborden este tema e acheguen as súas ideas. Dita sesión terá lugar este venres 11 de marzo ás 17:30 horas no Centro de Recursos Educativos da Once (Luis Braille, 40) e estará conducida polo equipo coordinador da iniciativa (Taller Abierto) coa colaboración de Xaime Toxo, mestre especialista en atención escolar a alumnos con cegueira e discapacidade visual, que moderarán o debate e centrarán as cuestións a tratar para que complementen as conclusións das Mesas de Traballo.
“A iniciativa Laboratorio da Infancia -sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández- está a definir unha estratexia dirixida á poboación pertencente a esta etapa da vida, incluíndo un plan de acción que contribúa a un mellor desenvolvemento dos membros pertencentes a este segmento de idade (0-12 anos). O proxecto ten un claro carácter cooperativo e participativo, polo que a opinión destes colectivos e asociacións resúltanos de grande axuda. Á marxe de que os rapaces sexan os receptores e receptoras das actividades que promove dito programa, contar coa súa voz resulta esencial para acabar de definir as actividades a desenvolver, as liñas de actuación e os obxectivos que foron recollidos nos LABs deste programa. O que pretendemos é contar con eles para que nenos e nenas, ou no seu caso os seus titores, sexan parte activa das estratexias máis convenientes”.
A asistencia á sesión deberá confirmarse previamente a través do email contacto@tallerabierto.info
Esta mesma semana continuar a desenvolverse os talleres nos centros educativos para recabar as opinións do alumnado sobre os asuntos abordados nas Mesas de Traballo. Os vindeiros obradoiros terán lugar nos seguintes colexios e datas:
CEIP Ponte Sampaio: 10/03 (Medio Ambiente)
CEIP Marcos da Portela: 11/03 (Medio Ambiente), ás 9:00 horas
Todas estas sesións servirán de preámbulo para ultimar as cinco sesións públicas que se celebrarán entre os meses de marzo e abril na Casa das Campás (Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra) e que están destinadas a presentar as conclusións das Mesas de Traballo realizadas no marco do Laboratorio da Infancia. Os foros, orientados a fomentar a participación pública no deseño da cidade do futuro para a nosa infancia, terán lugar en horario de 19:00 a 21:30 horas nas seguintes datas:
– 17 de marzo, Lab Sociedade
– 24 de marzo, Lab Espazo Público
– 31 de marzo, Lab Cultura
– 4 de abril, Lab Medio Ambiente
– 7 de abril, Lab Vida Saudable
Trátase de Mesas de Traballo compostas por grupos de profesionais expertos nas diversas áreas que, desde o pasado mes de novembro, mantiveron reunións no Pazo da Cultura para realizar o diagnóstico da situación do concello de Pontevedra e a súa infancia. As propostas dos Lab’s pretenden construírse de xeito colaborativo, abríndose ao público en xeral a través de foros abertos nos que os seus membros exporán as conclusións das Mesas de Traballo e buscarán a participación da cidadanía. Así, os asistentes poderán facer suxestións, comentarios ou achegas que poderán ser engadidas no deseño da estratexia final.
