O Espazo Gastronómico do Mercado de Abastos de Pontevedra acollerá o vindeiro xoves 17 de marzo, con motivo da tradicional celebración irlandesa de San Patricio, unha cata comentada de cervexas artesás impulsada polas firmas Meiga e Nasa en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo. Esta charla-cata será completamente de balde, está destinada a persoas maiores de 18 anos e require de inscrición previa a través do email actividadesomercado@gmail.com.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, sinala que “nesta actividade explicaranse os estilos clásicos e os novos formatos deste elixir dos deuses de lúpulo e cebada, falarase das bondades que o formato en lata ofrece para a cervexa artesá e degustaranse as cervexas Brétema, de Meiga, e Revolta, de Nasa”.
A Brétema é unha cervexa dourada de 5 graos, que presenta unha turbidez moi fina, cun sabor afroitado e refrescante. Cun corpo lixeiro, ao servila presenta unha escuma branca e cremosa. Nótase a froita madura e uva propias do tipo de fermentación e lévedo empregado. Leva un dryhop de lúpulo Citra que achega un agradábel sabor a cítricos. É perfecta para combinar con entremeses.
En canto á Revolta, trátase dunha Indian Pale Ale 5% ABV. Loira, cítrica e aromática, refrescante e de amargor medio, grazas aos lúpulos norteamericanos e centroeuropeos.
A firma Meiga nace da unión de dous cervexeiros afeccionados que comezaron a elaborar no 2002. Despois de moita formación e elaboracións, arrincaron de forma profesional no 2014 coa marca Meiga. A súa empresa produce cervexas en pequenos lotes de 500 litros coa exclusividade que achega ese pequeno formato. Fai cervexas de elaboración continuada coma a Panadeira (cervexa de trigo) ou a Muiñeira (especial belga) e outras efémeras coma a Salvadora (en colaboración con Palmkids). A súa filosofía basease na venta a nivel local e na mellora continua da calidade sen usar conservantes nin aditivos (poden obter máis información en https://meiga.gal/ e https://www.facebook.com/cervexasmeiga/).
A Cervexa Nasa inicia a súa produción en Pontevedra en 2016 con dúas variedades de Lager, para pouco a pouco ir adentrándose en todo tipo de estilos: Porter, IPA, Scotch, Ale, Bitter e Bock. Unha cervexa coma as de sempre, co coidado do artesanal (o seu lema é “Cando a novidade faise tradición…”). Pódese obter máis información sobre esta firma en https://cervezanasa.com/, https://www.facebook.com/oquinoncervexeria/ e https://www.facebook.com/cervexanasa/.
Todos aqueles que desexen participar nesta cata comentada ou coñecer máis datos sobre a actividade, poden facelo a través do enlace https://omercado.gal/events/cata_comentada-nasa-meiga/?occurrence=2022-03-17.

