Yoya Blanco destaca a importancia do Premio Xove Empresarix do Ano “na loita pola igualdade e na visibilización do emprendemento feminino e do talento empresarial das mulleres”

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje) de Pontevedra, Jesús Rey, e coa directiva do colectivo Valeria Giráldez, coa finalidade de coñecer as novidades e detalles do XXV Premio Xove Empresarix do Ano, co que se pretende apoiar, potenciar e difundir a iniciativa dos xoves empresarios da nosa provincia. A edil socialista salientou “a importancia destes galardóns, que permiten poñer en valor o papel esencial que xoga o emprendemento na nosa sociedade”, así como “o grande labor que Aje Pontevedra está a realizar para impulsar e promocionar o papel da muller no mundo empresarial e do emprendemento”.


“Hai que subliñar a inxente loita que Aje efectúa cada ano a prol da igualdade e do talento feminino empresarial, algo que resulta fundamental, vital, para esta concelleira, que tamén o é de Igualdade. Nesta liña, Aje celebrou en setembro do ano pasado un networking que axudou a visibilizar o emprendemento feminino, e desde o Concello queremos seguir a colaborar dun xeito decidido con eles. Con tal motivo, este ano dobraremos a nosa achega económica e destinaremos uns 4.000 euros á organización de diversas actividades coa Aje”, asegurou Yoya Blanco.
A entrega do XXV Premio Xove Empresarix terá lugar o vindeiro xoves 10 de marzo ás 20:30 horas no Pazo Castriño (Vilagarcía de Arousa). Segundo apuntou Jesús Rey, “as principais liñas de traballo na asociación para este céntranse no apoio ao emprendemento, sobre todo naqueles contornos máis rurais”, posto que “se xa resulta difícil emprender nunha cidade, no rural aínda o é máis”. “Pretendemos realizar actividades ao longo da provincia, en Cambados, Meis ou Caldas, para apoiar este emprendemento rural”, apuntou o presidente de Aje.


Ademais, Aje tamén busca destacar este ano o labor dos emprendedores responsables. “Consideramos -dixo Rey- que o xove emprendedor emprende dun xeito diferente, máis responsable co contorno, coa muller, coa igualdade e coa natureza. En torno a estes dous parámetros, de emprendemento rural e responsable, decidimos organizar neste 2022 o evento en Vilagarcía de Arousa. A idea é facer un ano o Premio en Pontevedra e outro sacalo da cidade e tentar movelo pola provincia para ter esa presenza e apoio”.


Pola súa banda, Valeria Giráldez ratificou que “unha das liñas esenciais de Aje para este ano é a do emprendemento feminino” e sinalou que, agora que estamos preto do 8M, “cabe destacar que a directiva está practicamente conformada por mulleres nun 50% e que a meirande parte das novas incorporacións son empresarias femininas”. Tal e como indicou, “o que buscamos é que haxa unha maior participación feminina, unha participación de empresarias xoves, activas e orixinais”, e celebrar máis eventos como o networking de 2021, que “inclúan mulleres tanto no que se refire a relatorios como no que atinxe a participación”.


Neste sentido, Yoya Blanco amosouse contenta “de escoitar a mulleres xoves como Valeria dicir claramente que estamos loitando, e que desde Aje se loita, pola paridade”. Para a concelleira de Promoción Económica e Igualdade, “as mulleres debemos estar nos cargos directivos das empresas e na xunta directiva dunha asociación tan importante como o é Aje Pontevedra”.


As bases do XXV Premio Xove Empresarix do Ano poden consultarse na web de Aje: www.ajepontevedra.com

Compartir publicación: