Desenvolvemento Sostible elimina os tocóns das árbores taladas no parque da Alameda mediante unha potente máquina trituradora

No marco do ambicioso proxecto impulsado polo socialista Iván Puentes para acadar a mellora e embelecemento integrais do parque da Alameda, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural procedeu esta mañá á eliminación, mediante unha potente máquina trituradora capaz de afondar ata medio metro baixo o chan, dos tocóns das árbores que se talaran polo seu mal estado de saúde. Con esta intervención, na que se investiron 7.465,70 euros, que foi executada pola firma Xérmolo SA e coa que foron retirados un total de oito tocóns, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns ponlle a guinda a un conxunto de actuacións que optimizaron as condicións do pavimento e de accesibilidade desta zona verde.


En semanas pasadas, o departamento que dirixe Puentes xa levara a cabo labores de poda, mediante sistema de trepa, nas principais aliñacións de arborado (especialmente centradas naquelas pólas con maior risco de caída) e unha mellora xeral do pavimento na cabeceira norte da Alameda, coa retirada das zonas de herba e os terróns e o ‘bacheado’ dos puntos de xeración de pozas de auga con xabre de primeira calidade (unha batería de obras realizadas cun orzamento duns 21.500 euros).


Os traballos de triturado dos tocóns foron supervisados esta mañá polo propio concelleiro Iván Puentes, quen, acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, lembrou que un dos obxectivos deste paquete de actuacións “pasaba por optimizar as condicións de solidez e estabilidade do arborado mediante o reforzo dos alcriques con achegas de terra neste contorno, mellorando así a drenaxe, a aeración e o sistema radicular das árbores”. “Xunto coas talas dos exemplares que se atopaban en peor estado e as podas efectuadas con anterioridade, esta mellora do solo sobre o que se asentan as árbores servirá para facer que se manteñan en perfecto estado fitosanitario e previr a aparición de enfermidades”, subliñou o edil do PSOE.

Compartir publicación: