Pontevedra Capital Gastro convoca aos ‘sibaritas’ da primeira comida do día a deleitar os seus padais entre os días 6 e 15 de maio no novo certame PonteAlmorzo

  • O evento gastronómico está pensado para poñer en valor e dinamizar o traballo desas cafeterías e bares que dan de almorzar a diario á cidade e que en moitos casos non poden participar no concurso Pontedetapas por carecer de cociña
  • A iniciativa, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e a Asociación de Hostaleiros Hoempo, permitirá coroar ao ‘Mellor Almorzo de Pontevedra 2022’ e incluirá o sorteo de 3 premios de 100 € entre o público que participe votando

No seu camiño por acadar o selo de excelencia culinaria e converter á nosa cidade en Capital Española da Gastronomía 2023, o proxecto Pontevedra Capital Gastro regresa o vindeiro mes cun novo certame ao que están convocados os padais dos ‘sibaritas’ da primeira comida do día: PonteAlmorzo, un evento que recolle a testemuña do concurso Pontedetapas e que está especialmente pensado para poñer en valor, promocionar e dinamizar o extraordinario traballo desas cafeterías e bares que dan de almorzar a diario á cidade e que en moitos casos non poden participar no ‘clásico’ das tapas por carecer de cociña.

Esta edición inaugural desenvolverase entre os días 6 e 15 de maio e permitirá coroar ao establecemento hostaleiro que ofrece o ‘Mellor Almorzo de Pontevedra 2022’, cuxo responsable recibirá unha placa conmemorativa e unha masterclass (haberá unha única categoría galardoada). A inscrición no PonteAlmorzo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), será gratuíta e reservada en exclusiva a locais do municipio, que terán ata o sábado 23 de abril para apuntarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/uDb7oD1hNhSrj9jc9. As base do certame poden consultarse na páxina de Facebook de Hoempo.

A iniciativa foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o presidente do colectivo de hostaleiros, Daniel Lorenzo; o seu vicepresidente, Rafael Rúa; o seu secretario, Antonio Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, quen sinalou que “o público que se achegue a degustar as diferentes propostas de almorzo dos bares e cafeterías durante os días de celebración do concurso poderán, ao igual que acontece no Pontedetapas, votar as súas opcións preferidas depositando o seu voto nas urnas que se instalarán nos propios establecementos para tal fin”. “Os almorzos ofertados terán un prezo de 4 euros e deberán estar compostos, como mínimo, dunha bebida quente, unha bebida fría, un petisco/tapa doce e/ou un petisco salgado. Sortearemos tres premios de 100 euros para gastar nos locais participantes entre o público que deposite as súas valoracións”, explicou a edil do PSOE.

Haberá un PonteCóctel en setembro e o Pontedetapas será en novembro

Tal e como apuntou Blanco, “nun contexto difícil e desalentador, no que se cumpren dous anos desde o inicio dunha pandemia que afectou a tódolos sectores económicos, pero que se cebou con especial saña coa hostalería, e no que agora toca bregar con máis dificultades e subas de custos de subministros e materias primas, o Concello quere unir forzas novamente con Hoempo e arroxar luz na senda da recuperación”. Nesta dirección, a concelleira socialista avanzou que a intensa axenda gastronómica trazada por Promoción Económica manterá a celebración do tradicional Pontedetapas “nas súas datas habituais, no mes de novembro (do 17 ao 27)”, e engadirá dous novos certames: “Ademais deste PonteAlmorzo, temos a intención de organizar un PonteCóctel no mes de setembro (do 9 ao 25)”.

A socialista agarda que “como acontece con Pontedetapas, a participación dos establecementos hostaleiros sexa masiva neste PonteAlmorzo”, sobre todo se temos en conta que “nos últimos meses moitísimas cafeterías da cidade están xa a presentar uns almorzos moi potentes e con moita variedade e que Pontevedra sempre participa de xeito activo neste tipo de eventos”.

Pola súa banda, Daniel Lorenzo salientou a importancia de que se organice esta variedade de iniciativas ao longo do ano, para chegar ao maior número de locais posible “e para que aos que nos gusta moito almorzar dispoñamos desta grande posibilidade”. “Quero animar a tódolos meus compañeiros do sector para que se apunten e para que sigamos sendo unha referencia hostaleira a nivel nacional. Apuntádevos. Almorzade. Cando fagamos o PonteCóctel, ide tomar un cóctel. Cando celebremos o Pontedetapas, inundemos a cidade de xente nos restaurantes e nos bares degustando as tapas. Convido a toda a cidadanía a que saia ás rúas, vaia aos bares e desfrute desta gran cidade desta hostalería que remos”, afirmou o presidente de Hoempo.

Lorenzo aclarou que os almorzos ofertados neste certame poderán desfrutarse nunha franxa de tempo mínima, entre as 9:00 e as 12:00 horas, “pero todo aquel hostaleiro que queira ofrecelo desde as 6:00 ou as 7:00 horas e rematar ás 14:00 horas poderá facelo”.

A Oficina de Turismo rexistrou 827 visitantes nesta Semana Santa

Á espera de que Visit Pontevedra dispoña do informe completo e detallado, Yoya Blanco salientou a boa Semana Santa que vén de vivir a cidade, con 827 visitantes rexistrados na Oficina de Turismo entre os días 11 e 17 de abril, dos que 763 foron nacionais (160 de Madrid, 141 de Castela e León e 71 do País Vasco) e 64 internacionais (26 de Portugal, 9 de Arxentina e 7 de Alemaña). A concelleira indicou que un total de 209 persoas participaron nas visitas guiadas organizadas polo Concello durante as pasadas xornadas, das que 203 foron nacionais (52 de Madrid, 29 de Castela A Mancha, 25 de Galicia e 24 de Castela e León) e seis estranxeiras (3 de Arxentina, 2 de Alemaña e unha doutro país europeo).

“A ocupación hoteleira da cidade foi dun 85% o xoves, o venres e o sábado. Os que nos quedamos por aquí puidemos comprobar que había turistas por todas partes, cos mapas e visitando diferentes partes de Pontevedra”, destacou Yoya Blanco.

Compartir publicación: