O Servizo de extinción de incencios supera as 400 intervencións en 2021, a maior parte de retirada de niños de velutina

Xunto aos niños de vespa velutina, a memoria do Servizo tamén destaca os incendios urbanos. En 2021 só se realizaron 6 saídas a concellos lindeiros. 

O tempo de intervención media é de entre 30 e 45 minutos e a maior parte das intervencións realízanse entre as nove de mañá e as nove da noite. De madrugada contabilízanse o 14% das saídas. 

En 2021 o Servizo de extinción de incendios do Concello de Pontevedra realizou 404 saídas para a atención de distintos servizos e emerxencias no concello, segundo fai constar na súa memoria.  O número máis elevado é o referido á retirada de niños de velutina (132) seguida de incendios urbanos (85) de distinta natureza dende matogueiras ou palmeiras até colectores de lixo e papeleiras (12). Tamén se inclúen a retirada de elementos de suxeción como pancartas, cascotes de fachadas, tellas, uralitas… Os bombeiros fixeron 11 rescates de persoas e 10 rescates de animais e interviron en 37 ocasións para abrir portas de vivendas, salas de contadores, ascensores…

Tamén deron asistencia en 22 accidentes de circulación de distinta consideración ben excarcelando a persoas, rescatando vehículos, sofocando incendios… O mesmo número de intervencións foi para atender fugas ou intoxicacións.

A memoria reflexa que nesta anualidade non se realizaron servizos preventivos, nin achiques nin visitas ao recinto por mor da Covid.

O Servizo incrementou as súas intervencións ao respecto de 2020 cando contabilizaron 348 intervencións e en 2021 volven aos ratios de 2019 cando se rexistraron 404. En anos anteriores o número de intervencións foi maior superando os 500 servizos por ano.

Os Bombeiros tamén fixeron actuacións en concellos lindeiros. En concreto, se rexistraron 6 saídas a outros municipios: Marín, Cotobade, Barro, Vilaboa e dous ao Concello de Poio. O 2021 foi o ano con menor número de intervencións fóra dos lindes do Concello.

É moi destacada a redución de saídas a outras localidades. Fronte ás 50 intervencións de 2008, especialmente a Marín e a Poio, están as 6 rexistradas en 2021.

Os tempos de intervención

A Memoria de 2021 do Servizo tamén revela que a maior parte das intervencións tiveron un tempo de saída entre 30 e 45 minutos. A maior parte das intervencións están por debaixo da hora. En concreto, 319 non superaron os 60 minutos, o que supón case o 79% de todas as intervencións realizadas por parte do Servizo. Fronte a estes datos, dous servizos prolongáronse entre as 3 e 4 horas.

Outro dato curioso que achega a Memoria de bombeiros son os horarios das intervencións. Das 404, 295 realizáronse entre as 09.00 e as 21.00 horas; 109 foron nas outras 12 horas da noite. É dicir, o 73% das saídas producíronse de día, entre as 09.00 e as 21.00 horas; o 27% restante foi de noite. En concreto, dende as 00.00 e as 09.00 realizáronse 59 intervencións o que supón o 14,6% das saídas do Servizo.

Compartir publicación: