A nova praza Arturo Souto inclúese na reforma de Loureiro Crespo e amplía os espazos de convivencia para a veciñanza

A súa reforma está incluída dentro do proxecto de Loureiro Crespo que xa está rematada. No Castañal está pendente a pavimentación de Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá a reforma que o Concello está a realizar na praza do pintor Arturo Souto, incluída dentro do proxecto global de Loureiro Crespo. Trátase dunha intervención practicamente rematada a expensas de instalar unha zona de caucho cun xogo infantil no chan no que poidan xogar os cativos e cativas do barrio.

A intervención en Arturo Souto vai en consonancia do resto do proxecto de reforma de Loureiro Crespo. Buscouse a mesma estética do resto da rúa primando a accesibilidade e a plataforma única en todo o espazo que pasa a ser de convivencia para os veciños e veciñas. Disporá de mobiliario urbano e xa conta con loureiros plantados en toda a praza.

Fernández Lores lembrou que esta era “a penúltima visita ás obras de Loureiro Crespo, un proxecto global que inclúe toda a rúa até a avenida de Lugo e parte do Castañal”. Neste momento está pendente a pavimentación das rúas de Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas onde xa están soterrados todos os servizos. Informou que “a empresa está facendo un esforzo moi grande xa que existen problemas de subministración que complicaron a obra, pero agardo que estea rematada nun prazo prudente, xa que estamos a falar da gran obra deste mandato”.

Tamén lembrou que a intervención en Loureiro Crespo e en todo o seu ámbito permite ampliar á cidade até a estrada de Ourense. “Era un barrio que tiña falta de investimento e de creación de espazo público de calidade” polo que amosou a súa satisfacción coa actuación e o seu resultado.

Compartir publicación: