As augas do encoro de Verducido reciben esta fin de semana aos talentos emerxentes do noso piragüismo coa celebración do Campionato Galego de Pista Infantil e Cadete

As augas do encoro de Verducido (Centro Deportivo David Cal) recibirán esta fin de semana aos talentos emerxentes do noso piragüismo coa celebración do Campionato Galego de Pista Infantil e Cadete, no que está prevista a participación de 348 padexeiros e padexeiras de 37 equipos. O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, disputarase nas modalidades de canoa, kayak e paracanoe, o sábado 9 de xullo os deportistas infantís e o domingo 10 os cadetes (en categorías masculina e feminina).


Un Campionato Galego de Pista que foi presentado esta mañá no Concello polo presidente da FGP, Alfredo Bea, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen salientou o papel “estratéxico” que o piragüismo ten na cidade e na provincia, que “é o deporte máis laureado de Galicia a nivel olímpico e non olímpico e que ten en Pontevedra a referentes mundiais grazas a dúas cousas: a unha importante masa crítica e a unha Federación que trae cada ano un importante paquete de eventos de alto nivel ao encoro do Pontillón e ao río Lérez”. “Cando falamos dun Campionato Galego de Pista -asegurou o edil socialista- estamos a falar dalgo máis que un campionato corrente. Galicia é unha potencia en si mesma e, polo tanto, nun Campionato Galego podemos ver padexeiros que xa son figuras ou que sen dúbida o serán dentro de moi pouco”.


Na súa opinión, traer a Verducido este tipo de eventos de base e iniciación “parécenos formidable, non só polo atractivo da actividade económica que xera, que é importante, senón tamén por poñer en valor as nosas pistas deportivas e axudar a medrar e crear masa crítica no piragüismo pontevedrés, que nestes últimos meses segue reportando relevantes triunfos nacionais e internacionais”. “Hai dúas semanas -lembrou Tino Fernández- tivemos tamén aquí unha Copa de España de Barcos Dragón, onde tivemos a honra de ver participar a un barco de Pontevedra formado por mulleres diagnosticadas de cancro de mama. O piragüismo axuda a recuperar a saúde física e mental e ese é un elemento a ter en conta”.

Alfredo Bea fixo fincapé no feito de que Pontevedra é a sede do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de piragüismo, “onde tecnificamos aos mellores padexeiros do futuro”, e apuntou que “os resultados do Campionato Galego tamén serán válidos para puntuar e poder obter unha praza en dito Centro, no que as solicitudes de padexeiros galegos supera con creces a calquera outro deporte”. Segundo avanzou o presidente da FGP, “será a pedra de toque dun Campionato de España que se vai celebrar en Pontevedra a finais de mes e no que todo apunta a que, por primeira vez na historia do piragüismo nacional, se superarán os 1.000 padexeiros en distancias olímpicas, sendo Galicia a comunidade que máis deportistas vai achegar”.


“Os nosos clubs teñen un problema, ao non poder asumir a tódolos rapaces que queren facer piragüismo, e acadamos un número récord de clubs na Federación Galega, que chegou por primeira vez aos 65 clubs, superando por exemplo á Federación de Balonmán. Seguimos nunha dimensión de crecemento e temos moi claro que o Campionato de España vai ser tamén un éxito en toda a cidade, pola cantidade de persoas que se van achegar a Pontevedra. É un deporte que trae riqueza e investimentos á hostalería e ao comercio dunha das mellores cidades do mundo”.

Compartir publicación: