A luz do Nadal xa ilumina os Xardíns que Falan

  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural volve sorprender coa instalación de fermosas decoracións de Nadal nas prazas de España e de Ourense, convertidas en photocall con flores de Pascua, abetos, acevos, un reno luminoso, un arco de follas de ticea cunhas campás de luz, un enorme Papá Noel, un banco vermello iluminado, uns orixinais paquetes de regalo de madeira con luces e sinais que nos dan a benvida ao Polo Norte e que nos indican a dirección cara ao Galpón dos Renos e ao Obradoiro de Santa Claus

Os concelleiros socialistas Iván Puentes, Yoya Blanco e Marcos Rey achegáronse esta mañá ata as prazas de España e Ourense para comprobar o fantástico aspecto que as súas zonas verdes exhiben coa espectacular decoración e iluminación instaladas nas súas zonas verdes pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Os decorados, enmarcados dentro da iniciativa Xardíns que Falan, coa que o departamento que dirixe Puentes pretende converter os xardíns da cidade en espazos dinámicos, vivos e que interactúen coa cidadanía a través de mensaxes festivos ou reivindicativos, volven sorprender pola súa beleza, converténdose en photocall ideais que convidan aos viandantes a tomar fotografías destas estampas de Nadal e a subilas ás súas redes sociais cos hashtag #NadalPontevedra2023, #XardínsdeNadal e #XardínsqueFalan.


A decoración da Praza de España está presidido por un arco de follas de ticea cunhas campás de luz, un reno luminoso, varios abetos e diversas flores de Pascua, coa radiante cor vermella que as caracteriza. No caso da Praza de Ourense (xardíns de Casto Sampedro), a Concellería de Desenvolvemento Sostible instalou un banco vermello con luces, varios acevos, uns pequenos Papás Noel pintados sobre troncos de madeira, uns orixinais paquetes de regalo de madeira con luces e unhas sinais que nos dan a benvida ao Polo Norte e que nos indican a dirección que debemos tomar para chegar ao Galpón dos Renos e ao Obradoiro de Santa Claus.


“Poremos a guinda a este decorado coa colocación dun enorme Papá Noel de 1,50 metros, un tamaño case natural do home máis célebre de Laponia. Instalarémolo unha vez que pase este temporal de vento e choiva e vestirémolo cun chuvasqueiro transparente para que non colla unha pulmonía e poida estar en plena forma na noite do 24 ao 25 de decembro”.


En opinión de Iván Puentes, “os Xardíns que Falan quixeron achegar deste xeito toda a súa boa enerxía para que a nosa cidade se somerxa de cheo no espírito do Nadal, contribuíndo a darlle alegría ás nosas rúas e convidando a tódolos que pasen por estes céntricos espazos de Pontevedra a levar con eles unha bonita postal de Nadal”.

Compartir publicación: