- A reunión dos membros do partenariado, artellado como unha alianza comunitaria para a renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático da que forman parte outras 7 urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque) e 14 entidades rexionais, nacionais e europeas (como o Banco Europeo de Investimentos), desenvolverase no marco do Cities Forum 2023 organizado pola Comisión Europea, que acollerá a capital piamontesa entre os días 16 e 17 de marzo e no que o portavoz municipal do PSOE representará a Pontevedra
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, viaxará a Turín para participar na primeira reunión física do Partnership Greening Cities, unha alianza comunitaria deseñada no seo da Comisión Europea co obxectivo de impulsar a renaturalización de cidades e a loita contra o cambio climático e da que Pontevedra forma parte xunto con outras 7 urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque) e 14 entidades rexionais, nacionais e europeas, entre elas algunha tan relevante como o Banco Europeo de Investimentos ou Eurocities. O encontro, no que o portavoz municipal do PSOE exhibirá o modelo verde e azul que está a promover na nosa cidade a través da ambiciosa estratexia Pontevedra Flúe, terá lugar na tarde do mércores 15 de marzo e producirase no marco da 5ª edición do Cities Forum organizado pola Comisión Europea, que a capital do Piamonte acollerá entre os días 16 e 17 e no que o portavoz municipal do PSOE representará á nosa cidade.
Tal e como explica o concelleiro socialista, “o Cities Forum é un evento bienal da Dirección Xeral para Política Rexional e Urbana da Comisión Europea que permite xuntar a actores urbanos claves a nivel europeo, nacional, rexional e local, comprometidos co obxectivo de acadar un futuro verde e xusto para as cidades”. “Despois do ‘meeting’ inaugural que os membros do Partnership Greening Cities mantivemos o pasado 16 de decembro vía online, que serviu para coñecernos e para obter unha panorámica xeral das diversas iniciativas en marcha -apunta Iván Puentes-, imos aproveitar este evento que se celebrará en Torino, unha cidade cunha vasta experiencia en transformación urbana debido á súa transición de urbe industrial a cidade de innovación, cultura e coñecemento, para manter o noso primeiro encontro físico. Celebrarase o día previo ao Forum, o mércores 15 pola tarde, a partir das 15:00 horas, nunha sede facilitada polo Comune di Torino (Corso Francesco Ferrucci, 128)”.
A elección de Pontevedra como membro deste partenariado europeo foi comunicada a principios de novembro do ano pasado pola responsable do departamento de Desenvolvemento Urbano e Territorial da Comisión Europea, Laura Liger, e situou á nosa cidade dentro do circuíto europeo que definirá a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul da UE, con acceso directo a tódolos axentes fundamentais que se moven neste eido e, en consecuencia, facilitando a captación de novos fondos comunitarios. Segundo subliña o portavoz do PSOE, “para que nos fagamos unha idea da importancia deste fito, formar parte do Partnership Greening Cities significa que a nosa cidade xogará un papel esencial, coas súas políticas verdes e o seu modelo urbano, no deseño da Axenda Urbana para a UE”. “Pontevedra é ademais a única cidade española en ser seleccionada para integrarse nesta alianza comunitaria”, afirma Puentes.

Deste xeito, a experiencia e a perspectiva da Concellería de Desenvolvemento Sostible (materializada de xeito paradigmático na estratexia Pontevedra Flúe) serán tidas moi en conta na definición das políticas urbanas e instrumentos de financiamento para o deseño de infraestrutura verde e azul no contexto urbano, así como no impulso de accións e normativas orientadas á conservación da biodiversidade e á adaptación ao cambio climático. “Seguindo co símil futbolístico, pasamos a formar parte da Champions League, da locomotora, das cidades europeas que impulsan políticas verdes e azuis e que teñen a misión de asesorar á Comisión Europea no deseño destas políticas para o conxunto da UE durante os vindeiros anos. Todas as achegas que realicemos reflectiranse nun Plan de Acción que será aprobado e adoptado pola Comisión e que ten un horizonte temporal de tres anos (entre 2023 e 2026). Unha vez máis, Pontevedra sitúase como referente a nivel internacional, neste caso das políticas orientadas á renaturalización de espazos naturais e contornos fluviais, e Pontevedra Flúe como unha estratexia para recuperar espazos degradados, crear unha cidade resiliente e capaz de loitar contra o cambio climático, captar investimentos europeos e xerar riqueza, emprego e futuro”, asegura Iván Puentes.
As mesas do Cities Forum 2023
Iván Puentes ten previsto asistir ás seguintes mesas do Cities Forum 2023 que se celebrarán nas instalacións das Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Torino o xoves 16 de marzo pola tarde, a partir das 17:00 horas (na Sala Fucine):
- Unha sobre ‘Greening cities na UE: enfoques estratéxicos para abordar o clima e os retos medioambientais’, que terá como relatores, entre outros, a Ane Itziar Velasco, xefa da Área de Estudos, Avaliación e Diagnose de Sostibilidade do Centro de Estudos Ambientais (Cea) de Vitoria-Gasteiz, coa que Puentes mantivo un encontro en novembro do ano pasado para coñecer o modelo verde impulsado na capital alavesa; Patrick Child, director xeral adxunto da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Susa Eräranta, directora da unidade do proxecto Climate na cidade de Helsinki; Normunds Popens, director xeral adxunto para a Implementación da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea; Gitty Korsuize, ecoloxista urbano da cidade de Utrecht, e Irene Bonvissuto, responsable de políticas de Desenvolvemento e de Adaptación ao cambio climático da Dirección Xeral de Acción polo Clima (DG Clima) da Comisión.
- A outra sesión (no Binario 3) levará por título ‘O papel e os retos das pequenas e medianas áreas urbanas á hora de achegar Europa aos cidadáns e impulsar a transición verde’ e terá como relatores a Vítor Paulo Gomes Pereira, presidente do Município de Paredes de Coura, socio principal de Pontevedra no proxecto Poctep-Interreg Green Gap; Alessandro Rainoldi, xefe da Unidade de Desenvolvemento Territorial da Comisión Europea; Marek Teplansky, xefe da Unidade de Crecemento Inclusivo e Desenvolvemento Urbano e Territorial da DG Regio da Comisión; Carlotta Fioretti, responsable de Estratexias de Desenvolvemento Urbano e investigadora da Comisión; Carolina Perpiña, analista da Unidade de Desenvolvemento Territorial da Comisión; Teresa Alonso Montejo, tenente de alcalde do municipio cordobés de Lucena, e Kieran McCarthy, concelleiro do Concello de Cork e membro do Comité Europeo de Rexións, entre outros.
O programa do Cities Forum tamén inclúe una sesión de debate sobre ‘Cohesión e recuperación en cidades’ protagonizada polos alcaldes de Turín, Stefano Lo Russo; Gdansk, Aleksandra Dulkiewicz; Eindhoven, Jeroen Dijsselbloem; Nicosia, Constantinos Yiorkadjis; Ciortesti, Alina Apostol, e Esplugues de Llobregat, Pilar Díaz (deputada da Deputación de Barcelona).
As cidades e entidades que conforman o Partnership Greening Cities poden consultarse a través do seguinte enlace: https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1nXJAWDPwewK4tiqzKtFMlCzjxBymlNc&ll=51.5051541041205%2C8.48572164999999&z=4
Dispoñen do programa completo do Cities Forum na páxina web https://www.citiesforum2023.eu/

