O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta como resposta á recibida do Secretario Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, amosando a súa «fonda sorpresa e desagrado» ao comprobar a negativa de Costas a proxectos que farán medrar a cidade
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánez Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da carta remitida nas pasadas horas ao Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, logo da recepción da súa misiva.
Na carta enviada desde o Concello de Pontevedra, o alcalde sinala a «fonda sorpresa e desagrado» coa que foi recibida a nomeada comunicación, «sobre a situación dos asuntos que Costas ten pendentes en Pontevedra». «Sorpresa e desagrado por coñecer que llo comunicou antes aos seus compañeiros de partido en Pontevedra que a esta Alcaldía con quen mantivo as conversacións, a negativa decisión sobre os asuntos pendentes que tanto agarda esta cidade».
A maiores da lectura íntegra da carta perante os medios de comunicación, o rexedor lanzou unha pregunta: «De que estamos a falar? Estamos a falar de que non se cumpre con Pontevedra, como é o caso do paseo cara Marín, xa comprometido; nin fan, nin deixan facer, como no caso de Mollavao para o que restaba un papel, nin sequera pedimos cartos», explicou.
«Semella que a decisión de nin facer nin deixar facer estaba tomada de hai tempo, polo menos dous anos. As novidades ao respecto desa decisión son dúas: dunha banda, que a poñen por escrito; e doutra banda, son as escusas que poñen. Hai que recoñecer que aínda que sexan orixinais, son escusas. ‘Non fago o que prometo e prometo marabillas’», indicou Lores.
«Vou seguir insistindo en petando na mesa todo o que faga falta para defender os intereses de Pontevedra», sinalou o alcalde. «Ao final, cando o fas algún papel se move».