Venres e sábado poderase visitar a exposición sobre a vida de José Gil no Cinemóbil nº3 que estará situado diante do Teatro Principal, así como ver proxeccións da época e do cinema galego. Todas de balde.
A Banda de música de Salcedo colabora o sábado na sesión vermú achegando a vida de José Gil a través da música, e o autor Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto.
O Teatro Principal acolle esta fin de semana o proxecto Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema co que colabora o Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Cultura. Esta mañá presentouse o proxecto na praza da Ferraría onde se estacionou o Cinemóbil nº3, unha recreación do camión “Cinemóvil” de José Gil, (As Neves 1870 – Vigo 1937), fotógrafo e director de cine que participou na orixe do cinema e realizou máis de 150 filmes entre 1910 e 1935, especialmente no sur de Galiza.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presente na presentación explicou que o proxecto amosa “un país moderno, con industriais que, ademais de artista e cineasta, tiña o concepto do cine como industria”. Recordou que o homenaxeado “chegou a poñerse en contacto con Henry Ford, a exhiblir unha película de Harold Lloyd ou de gravar o país que tiñamos diante. Esa Galiza potente, puxante, que avanza é o que recolle esta exposición e este proxecto”. Demetrio Gómez amosouse encantado de colaborar co proxecto que recupera a memoria de José Gil e gabou o entusiasmo e cariño dos seus promotores.
Pontevedra, provincia de cine arranca este venres, 13 de outubro cunha visita ao Cinemóbil nº3 para os veciños e veciñas que estará situado no exterior do Teatro Principal entre as 18 e as 20 horas. A partir desa hora o Teatro acolle as seguintes proxeccións abertas a todo público:
- 20′ Vertixe de Harold Lloyd (1921).
- 6’ Kin auto Race at Venice (1914). A primera aparición de Charlot.
- 5′ Antoloxía de imaxes dos filmes de José Gil
E o Ronsel de José Gil coas curtas:
- 12′ O carro e o home de Antón Román (1942).
- 20′ Mamasunción de Chano Piñeiro (1984).
- 13′ Ser e voltar de Xacio Baño (2014).
O sábado, 14 de outubro, de 10 a 12.30 horas haberá unha visita guiada ao cinemóbil por parte do escritor Manolo González e Ignacio Vilar. De 12.30 a 13 horas presentarase o libro Nos días encantados de agosto de Manolo González, da Editorial Galaxia. E finalmente, entre as 13 e as 14 horas haberá unha sesión vermú na que a Banda de música de Salcedo achegará á vida de José Gil a través da música.
Finalmente, o luns 16 de outubro, haberá actividades e proxeccións para os centros de ensino do concello.
Máis información sobre os vínculos de José Gil con Pontevedra: https://josegilcinema.gal/a-xira/pontevedra/