O formulario de inscrición poderá ser completado na web oficial de ‘Apúntate’ até o vindeiro 20 de outubro
Nos seus cinco anos de funcionamento, o programa municipal contou coa presencia de máis de cen rapaces e rapazas que puxeron en marchar diversos proxectos musicais e audiovisuais
O edil de Xuventude, Demetrio Gómez, acompañado da docente, Violeta Mosquera, presentou esta mañá unha nova edición do programa ‘Xeración Sónica’, unha iniciativa municipal que ten como base a titorización de proxectos artísticos musicais e audiovisuais.
Partindo dun carácter educativo, cultural e artístico, Xeración Sónica desenvolverase entre os meses de novembro e xuño, contando con trinta prazas para rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos. É posíbel solicitar a praza na web oficial do Concello de Pontevedra. O formulario de preinscrición poderá ser remitido entre o 10 e o 20 de outubro de 2023 —existe un proceso de audición—.
«A partir do 2 de novembro deste ano teremos outra vez a mozos e mozas de Pontevedra dándolle ao rocanrol ou ao que lles pareza», sinalou Gómez. «Este é un programa no que se traballa con profesores do máis alto nivel, do melloriño que se pode ofertar. Ao longo do curso comporán, gravarán, tocarán ao vivo, montarán o seu grupo… irán avanzando na música e ao tempo surtirán á cultura de Pontevedra de novos folgos».
O concelleiro adiantou que este ano, como novidade principal, as dúas bandas que saen do programa —Simsonhead e Malo Será— serán titorizadas no Local de Música co fin de facer máis suave esa transición entre o programa municipal e a vida despois do mesmo, facendo unha aterraxe máis suave nos seus universos musicais propios.
Pola súa banda, Violeta Mosquera lembrou que esta será a sexta xeración sónica nada na cidade de Pontevedra, logo dun lustro de traballo no que se contou coa presencia de máis de 100 rapaces e rapazas distintos foron gravadas 48 cancións, editados 4 recompilatorios e creados máis de 20 documentos audiovisuais de todo tipo; pasando por escenarios tan emblemáticos coma o Surfing the Lérez ou o Galegote Rock.